Valga, 8 de maio do 2019 – Recuperamos a sección Movendo os marcos porque as veces paga a pena saír da bisbarra para disfrutar de concertos, exposicións, lugares ou charlas como a que hoxe traemos.
Hoxe Movendo os marcos vai ata Valga para anticipar unha xornada sobre os campos de concentración franquistas en Galicia.
É un de eses temas dos que falan os historiadores, algúns, pero que segue a ser tabú. Falamos moitas veces do patrimonio que atesoura a parroquia de Iria Flavia en Padrón pero poucas veces se conta que a antiga azucreira a comezos de novembro de 1937 entra en funcionamento como campo de concentración. As instalacións empregadas para recluír os presos políticos procedentes de todo o Estado eran a antiga fábrica, construída á volta de 1899 e que tiña cesado na súa actividade uns anos antes a consecuencia da apertura doutra fábrica das mesmas características en Caldas. O conxunto carcerario, formado por diversas edificacións e uns predios extensos, atopábase rodeado dunha cerca de arame de espiño, encargándose da súa vixilancia unha guarnición de arredor de oitenta soldados axudados por membros da Garda Civil que se hospedaban no inmóbel que ocupa actualmente a fundación Camilo José Cela. (información tirada do blog da Asociación Os Penoucos que podedes ampliar aquí ).
A xornada será o próximo sábado día 11 na Casa da Cultura de Ponte Valga a partir das 8 da tarde. Está organizada por Memoria Histórica de Valga e contará coa participación de Xesús Santos (O campo de cocentración de Iria) e Montse Fajardo (Solidariedade femenina nos tempos da barbarie).
Unha oportunidade para saber algo máis da historia recente da nosa terra.