Hai un par de semanas Lindeiros foi invitado a participar nun roteiro organizado por propietarios de coches Tesla. Como algúns deles son da bisbarra e a rumoroloxía sobre estes coches é moi grande aceptamos a invitación.
Partimos de Compostela para reunirnos en Pontevea, Teo, con outros 2 Tesla máis. Unha das primeiras ideas que moitos teñen na cabeza, o pouco que se vende este coche, comezaba a quedar descartada. Na bisbarra hai varios de estes vehículos. Teo, Oroso, Ames ou Santiago son lugares de residencia de estes propietarios.
A seguinte parada foi xa en Ourense nun punto de carga. Este é un dos principais temas de debate sobre Tesla, a practicidade do coche en función da súa autonomía. En esta parada “técnica” eran xa 11 os coches e tivemos a oportunidade de falar con algúns propietarios.
Ningún dos vehículos ten unha autonomía de menos de 300 kilómetros reais nunha condución normal, máis que suficiente para o día a día. Moitos deles chegan aos 460 kilómetros de percorrido sen ter que parar. O roteiro levaríanos máis de douscentos kilómetros polo interior de Ourense e de ahí a necesidade para algúns dunha carga previa xa que viñan desde toda Galicia.
Os cargadores marcan a diferencia. Tesla está instalando en todo o mundo os chamados Super Charge nos que en 25 minutos un de estes vehículos consegue chegar a máis do oitenta por cento de carga. Nunha viaxe a Madrid desde Galicia, por poñer un exemplo, o tempo de tomarse un café en Benavente onde hai un de estes puntos. Unha parada que tamén os de gasolina facemos a miúdo.
De Ourense fumos ata o primeiro punto da xornada. Almorzar no castelo de Maceda é un luxo. As vistas son incribles e o monumento está moi ben conservado. A lenda di que alí aprendeu a falar galego Alfonso X el sabio. De alí á Alfarería de Agustín en Niñodaguía, un lugar máis que recomendable para coñecer de primeira man esta arte tan nosa.
Inconvenientes que non son de Tesla
A conversa continuou e descubrimos que os problemas veñen a miudo por unha administración lenta á hora de adaptarse aos novos tempos.
Moitos de estes propietarios instalan cargadores nas súas vivendas. Dependendo do lugar no que vivas pode ser algo sinxelo ou unha loita titánica coa burocracia. Os inconvenientes veñen tamén polo descoñecemento. Outro propietario cóntanos que precisaba homologar dous asientos a maiores no coche (algúns modelos permiten ata sete prazas) e na ITV non sabían como autorizalo pese a ter todos os papeis; a solución foi cambiar de ITV e conseguilo en apenas 48 horas.
A comida foi ao carón do embalse de Chandrexa. Ata alí chegaron 17 Tesla. Puidemos ver disintos modelos e comprobar que, en liñas xerais, a satisfacción é absoluta. Algúns levaban tres anos co coche sen problemas. O mito da duración das baterías tamén se caeu xa que teñen ata 8 anos de garantía.
O custo
É posiblemente unha das maiores lendas sobre estes coches. Algúns propietarios tiñan coches de segunda man, unha boa opción vendo a duración e nulo mantemento que teñen. No que viaxamos era novo, 10 meses, e custara en torno aos 52.000 euros. A autonomía de este vehículo supera os 450 kilómetros, comprobado xa en moitas ocasións. O equipamento inclúe desde a pilotaxe autónomo ata a climatización, conexión propia a internet que permite que se actualice o software cada certo tempo. GPS con información dos puntos de carga dispoñibles cando se planifica un roteiro. Control da maioría das funcións desde o teléfono… o certo é que moitos vehículos do mesmo prezo de outras marcas non chegan a este nivel de equipamento.
O final
Xa pola tarde visitamos o Pazo da Pena en Manzaneda. Un lugar tamén por descubrir cunha interesante historia e recuperado non hai moito tempo. Fai o seu propio viño, que só se pode comprar alí, e a súa propia mel. A visita guiada mostrounos un lugar único no medio da montaña ourensana.
O resumo da xornada é que dan ganas de volver a todos estes sitios. Si queredes facer un roteiro por Ourense este é sinxelo e interesante. Si queredes saber a opinión sobre os Tesla o certo é que se caen moitos mitos e un descobre un coche práctico é útil. Os inconvenientes de estes coches son distintos aos de gasolina ou diésel pero non son maiores. Os puntos de carga en outros países, Portugal por exemplo, duplican ou triplican aos que hai en España pero iso irá cambiando.
A recomendación final é que busquedes a un propietario, hai moitos máis dos que cres, e que fales con el. Que preguntes todas as dúbidas que teñas e saques as túas propias conclusións. Desde Lindeiros queremos agradecer ao grupo de Tesleiros e en especial a María e Antonio por deixarnos viaxar con eles e facernos desfrutar do seu Tesla.