Movendo os marcos, 19 de marzo do 2024 – De cando en vez en Lindeiros adoitamos saír da bisbarra para contar algo que pasa noutros sitios, é o caso do Galicia Fórum Gastronómico que volve a Coruña en abril.
A oitava edición do Fórum Gastronómico terá lugar en Expocoruña do 7 ao 9 do vindeiro mes. Por alí pasarán moitos dos mellores cociñeiros do momento como Ángel León, Paco Pérez, David Yárnoz, Sergio Bastard, Javier Olleros, Xosé T. Cannas ou a brasileira Janaina Torres, considerada a Mellor Chef de América Latina.
O encontro repetirá tamén algunhas da citas máis clásicas como as demostracións de cociña en directo; o FórumLab, cmo espazo de reflexión; o Wine Circus e o Cóctel Bar Fórum, destinados á “cociña líquida”; o mercado de produtos denominado Ágora; o Cook Trends, espazo de restauración para os visitantes; o Craft Beer Market, dedicado á cervexa; e este ano preséntase o Cheese Fórum, no que os produtores do arco atlántico poderán mostrar todo sobre o queixo que aquí se produce.
Conversa con Pep Palau, programador
Lindeiros falou con Pep Palau responsable das actividades e experimentado programador en citas gastronómicas.
O encontro chega despois dunha etapa moi complicada para a gastronomía como foi a pandemia e o peche dos locais. A restauración conseguiu recuperarse e, aínda que con algunhas feridas como di Pep, vive un bo momento e o Fórum chega con ilusión e novas ideas.
Este ano o Fórum Gastronómico céntrase na “despensa do Atlántico” aínda que celebrándose en Galicia o produto é sempre unha referencia.
Non hai moito que falabamos en Lindeiros da Festa do Queixo de Arzúa e o Fórum Gastronómico presenta este ano un apartado especial destinado aos queixos. Preguntamos a Pep Palau polo momento que viven os queixos galegos, pode que o mellor da súa historia.
Ao longo de tres días da tempo para desfrutar de toda a programación do Galicia Fórum Gastronómico pero como moito dos visitantes, e máis se son de fora de Coruña, non poderán todos os días pedímoslle a Pep que nos recomende que elixir ou como afrontar a visita.
O Fórum Gastronómico é unha das mellores citas gastronómicas ás que se pode acudir en Galicia. Un lugar no que tomar o pulso ao mundo da gastronomía, tanto si un é un profesional como si é un afeccionado ou un simple consumidor.
O abano de propostas do Fórum fan que sexa moi difícil que alguén non atope un recuncho dedicado a súas preferencias gastronómicas. En calquera caso sempre será unha oportunidade de descubrir novas ideas que engadir a nosa cociña ou aos nosos praceres.