Non tedes necesidade de sair da bisbarra de Compostela para pasalo ben pero si, por algunha extraña razon, o facedes aquí tedes algunha idea
O sábado 23 de xuño, noite de San Xoán, Desconcierto Cultural celebra a sexta edición do Desconcerto na Praia, un evento de balde na Illa de Arousa, co que a Asociación celebra un ano máis de programación musical.
Desconcerto na Praia é unha xornada de concertos con algunhas das máis interesantes novas bandas galegas, nun recóndito e paridisíaco recuncho da Illa. Unha xornada chea de música, praia, natureza, e como non, estando na Illa, mexillóns, churrasco e demais viandas estivais.
Este ano a cita conta cun novo chiringo, cunhas instalacións máis completas, a pé de praia, e cunha oferta gastronómica que promete. E por suposto, non faltarán as mellores pinchadas e unha boa cacharela!
Desconcerto na Praia discorre ao longo de todo o día, dende as 13:00h ata ben entrada a madrugada, e se ben é un evento de balde, a organización precisa ter unha estimación do número de asistentes para que o chiringo conte con provisións para todos, polo que para asistir piden que fagas a túa reserva neste enlace se tes a intención de vir.
A organización presentará proximamente o cartel nas redes sociais e as persoas que reserven entrada recibirán un correo coa ubicación exacta na Illa.
Desconcerto na Praia tamén é un lugar perfecto ao que acudir cos cativos a pasar o día. E se queres facer noite, teñen unha zona de acampada!