A estrea de MORTAL ENGINES chega as salas de proxeccións coma grande aposta de ocio, sen desmerecer outros filmes de menor orzamento pero que tamén teñen asilo nesta crónica na que excepcionalmente incluímos un filme non de estreo, pero que vai moi celebrado na vella Europa. Imos aló.
Deixaremos para o final MORTAL ENGINES e aínda que polo xeral tentamos resaltar producións que son novidade na grela dos cinemas locais, imos falar da multi-premiada película surcoreana BURNING (2018) de Chang-dong Lee, filme que non queríamos deixar fuxir da nosa ollada (tódolos anos sempre pasa o mesmo. É inabarcable a oferta e por desgraza, moitos filmes van directos a fila de espera para o seu visionado).
Para poñernos nunha situación de vantaxe para o gozo ou non da longametraxe, primeiro advertir que este tipo de propostas do Afastado Oriente, polo xeral teñen un discurso argumental moi diferente no seu tempo narrativo ao que o grande público occidental soe estra acostumado. Non é nin mellor, nin peor. É diferente pero cando acerta soe ser de cheo coma a excepcional SEOM (2000) do tamén formidable cineasta Ki-duk Kim.
Non é o caso de hoxe. Podo entender o recoñecemento da crítica sisuda de Cannes e demais Festivais para o traballo de Lee, pero o que conta nas dúas horas e media de metraxe, pode facelo en noventa minutos (e sobra tempo). Coma exemplo desa apoloxía desmedida do tempo, vaia coma curiosidade a secuencia onde os protagonistas gozan da posta do Sol na casa no campo de Lee Jong. Levoulles un mes de rodaxe para preservar a mesma luminosidade e de tanto esmero que metéronlle, o solpor non muda de tonalidades durante todo o tempo. Nótase no exceso. Non digo que non levara o seu traballo, pero non quedou ben.
Esta procura pola perfección non vai acompañada dunha historia que atrape ao espectador. O filme está baseado nunha historia curta do célebre escritor Haruki Murakami, autor moi celebrado no Vello Continente que a súa vez recolle o texto escrito por Faulkner no 1939 titulado BARN BURNING. Nas propias verbas do director, “a historia vai dun novo William Faulkner vivindo no mundo de Murakami”. Vale, así si que encaixan as pezas, pero non é dabondo para salvalo proxecto cinematográfico coma tal.
Durante a primeira hora e cuarto imos vendo coma tres xoves comparten intres baleiros de entretemento sen moito máis que dicir. Cando supoñemos que a trama repunta pola ausencia dun deles, vemos que non hai proposta nova e seguimos coa cansa nota pedal. Filmes onde ves crecelas plantas coma se dun film de Eric Rohmer tratárase só o grande cineasta francés pode facelo. O resto de discípulos dos plúmbeos Antonioni, Angelopoulos e resto da tropa pseudo intelectual onanista poden agardar a ovación dos gafapasta de deseño, pero para este humilde contacontos non cola.
Non digo que fuxades a fume de carozo, que tódalas propostas merecen unha oportunidade, pero este tipo de cinema xa non o merco coma cando era un mozo sedento de celuloide de latitudes alleas ou propostas bizarras. Supoño que vou vello.
Pero para refrescarnos ante tanta parsimonia vital imos falar dunha curiosidade lixeira e de fácil consumo na serie BAD BLOOD (2017- ). O conto baseado nos feitos reais que aconteceron na suposta idílica vila de Montreal, despois de celebrar os seus custosos Xogos Olímpicos e toda a trama corrupta que deixou na súa mafia local. Mira ti por onde, nunca sospeitamos que algo tan enraizado na sociedade estadounidense tivera cabida na suposta perfecta e pacífica poboación canadense. Pois vese que somos moi naif ao respecto.
Nada máis comezala serie, o narrador cóntannos que a cocaína e a heroína que os habitantes das grandes urbes da costa Este dos EE.UU. consumían durante os Oitenta ata ben entrado a segunda década do século XXI procedía do porto franco da vila canadense. A familia Rizzuto, ten mercadas todas a vontades dentro da política e policía local e fai e desfai o seu antollo.
A serie creada por Simon Barry e Michael Konyves, recolle o drama ficcionado da novela BUSINESS AND BLOOD: MAFIA BOSS VITO RIZZUTO´S LAST WAR de Antonio Nicaso e Peter Edwards. Basease nos sanguinolentos feitos que aconteceron durante máis de vinte anos, o auxe de Vito Rizzuto (nunha mellorable interpretación do actor Anthony LaPlagia) e a pegada que deixou do seu labor.
Cunha certa economía nos medios a empregar, a serie ten un áxil desenrolo, de trazo menor na comparativa nas calidades (tremendo o tropezo na montaxe que podedes observar no capítulo 5º, no minuto 32 e 29 segundos) con outras producións audiovisuais de recordo perenne coma a formidable THE SOPRANOS (1999-2007) cume do xénero da pequena pantalla, pero que sabiamente non tenta emular. Máis ben, vemos moita máis inspiración no cinema de Scorsese e Coppola, sempre con reverencia e non tanto coma plaxio artístico (aínda ca secuencia do peirao da casa do lago, en fin, ten o seu aquel…).
Seis capítulos de menos dunha hora cada un que descansan aos lombos do actor Kim Coates, eterno secundario de singular faciana que lémbrame a unha versión low-cost do magnífico actor Ian McShane. Non está para botar foguetes Coates, algo que observamos no resto do reparto artístico, no que incluímos ao grande Paul Sorvino (inesquecible o seu Paul Cicero no GODFELLAS (1990) de Scorsese), que vai camiño duns moi mal levados oitenta anos (todas as súas tomas fixéronllas sentado).
Historia menor, coma o LILYHAMMER (2012-2014) protagonizado por Steven Van Zandt, “rara avis” que agradecemos por aquelo de gozar doutras propostas audiovisuais que ofrecen unha ollada diferente ao que acostumamos ver na pequena pantalla. A serie asinou a súa renovación por unha segunda tempada, aínda que para os novos capítulos xa non estará baseada nos feitos reais. De ver e non rompela testa no seu poso.
E coma nestas datas que para moitos son merecedoras de contos de terror, imos falar brevemente do filme THE POSSESSION OF HANNAH GRACE (2018), que aínda que moito non entendemos a lingua do bardo inmortal, sospeitamos que a tal Hannah non ten irmáns casadeiras coma se dunha elegante comedia oitentera se tratara. Non, máis ben vai o conto do Demo querendo estragala ánima da rapaza virxinal da quenda.
Estreada no Estado co título CADAVER (por certo era orixinalmente o nome elixido) o filme de Diederik Van Rooijen aposta por contar algo visto tantas veces xa, pero dende unha dirección afastada dos tópicos no xénero. ¿E o consegue?. Pois non, para que enganarnos. Ben é certo que notamos coma un intento de renovación, de terror que bebe do primeiro Cronenberg, pero o recurso tan basto das lámpadas parpadeantes, das portas dos ascensores, do rexistro nas cámaras de seguridade… non hai nada novo.
Megan é unha ex-policía con stress post-traumático que tenta refacer a súa vida traballando no morgue do Hospital de Boston, na quenda de noite, horario desagradecido onde só campan as criaturas xurdidas ao amparo da escuridade coma se dun Travis Bickle, Frank Pierce ou Martin Bells tratárase. Coma non poder ser doutra maneira, a rapaza tócalle aturar ao mesmo Demo metido no corpo sen vida dunha moza. Xa podedes imaxinalo resto.
Dende vai un tempo o xénero de terror coido que estase a revitalizar cunha serie de filmes que foxen dos tópicos que por desgraza seguen a imperar nas derradeiras décadas. Exemplos temos coma a que contamos na crítica do 11 de decembro do ano pasado, A GHOST STORY por citar unha das máis recentes. Pero o filme de Van Rooijen non vai por ese camiño. E iso que apreciamos a tentativa de ofertar algo novo. Ten moito máis traballo na rodaxe das secuencias, tomando o seu tempo, sen abusar dos chimpos no volume na B.S.O. cunha meritoria iluminación de Lennert Hillege (a cámara usada é a doméstica A75 II, sen ter sequera o espello completo no fotograma) e cunha boa man nas tesoiras de Jake York (editor do SLENDER MAN deste ano, filme pésimo se excluímos precisamente a montaxe e os seus CIG); pero insisto, non da para mercalo boleto de entrada. Carne outrora de videoclube, e agora prato secundario de streaming.
E xa que falamos de pratos imos co que se supón grande aposta para este fin de semana nos cines e seguramente para o resto do mes. Falamos da MORTAL ENGINES, ópera prima do cineasta Christian Rivers, forxado na WETA de Peter Jackson coma artista gráfico nos storyboards e deseñador de efectos especiais nas triloxías THE LORD OF THE RINGS e THE HOBBIT.
Rivers leva este buque transatlántico de descomunal eslora coma mellor pode aínda que visto o resultado semella moito de todo para as capacidades do cineasta. Pero non podemos botala culpa só a el. Dicía o bo de Billy Wilder que se non tes historia non tes película e MORTAL ENGINES é o perfecto exemplo de longametraxe de orzamento elefantiásico, na que non podemos por ningún pero na súa produción, nin nas súas calidades técnicas nin no deseño na Arte (agrada moito esa estética steampunk), abafantes, demoledoras, pero xa moitas veces vistas nos blockbusters que periodicamente chegan aos cinemas (e máis nestas datas).
A adaptación que Fran Walsh e Phillippa Boyens fan da primeira novela da tetraloxía de Phillip Reeve é suavizada e simplificada no exceso para padais que abarquen todo o amplo espectro da audiencia a que vai dirixida e non é outra que “o maior número posible de espectadores”. Ambición moi respectable se a cambio da un espectáculo digno de eloxio onde mesturar flocos de millo con emocións insospeitadas coma as gozadas nesa apoteose na imaxinaria e na trama coma foi a memorable JOHN CARTER (2012) do incomprendido Andrew Stanton.
Non é o caso a tratar. Clichés interpretativos, ausencia dun traballo de profundidade nos roles principais (os secundarios son de vergoña allea), fórmula tipo de secuencia inicial que atrape ao espectador (ben resolta, no obstante), anemia emotiva durante o filme, secuencias hilarantes pola simplicidade nas motivacións dos protagonistas. Malo malísimo, heroes idílicos, secuencias de acción calcadas doutros filmes, postas de sol entre as nubes coma se non abondara co abrazo sufrido no TITANIC (1997) do megalómano Cameron e epílogo previsible e inevitable, cunha chiscadela a esperanza na convivencia multicultural.
Penso que o filme, dado o esforzo hercúleo nos títulos de crédito (os traballadores da WETA de Jackson saben dende moitos anos xa, como vai o negocio) merecía moito máis esmero na historia a contar, vendo de que viña esta proposta cinematográfica. Podedes levar aos vosos cativos ao cinema, por que de feito (os máis pequenos) gozarana na grande pantalla coma espectáculo audiovisual, pero vos ídevos a acordar dalgún familiar dos que asinan o texto cinematográfico.
Vale que no Fantástico case calquera argumento dámolo por bo, incluso os de xigantescas urbes rodantes famentas de peixes máis miúdos, pero ten que haber un mínimo crible cando menos na motivación dos personaxes e a hora de explicar a deriva da sociedade que vemos. Pero non, prefiren inspirarse na moda de non contar nada e dalo todo por explicado, coma as nefastas películas da nova triloxía de STAR WARS, insulto maior para tódolos siareiros da Saga das Sagas.
Nada máis por hoxe. Para o vindeiro venres, entre outros filmes, a agardadísima estrea do filme ROMA de Alfonso Cuarón, o que para moitos é a súa mellor obra. Imos ver se a gañadora do León Douro do Festival de Venecia deste ano é digna de tales loureiros.
Non deixedes de acudir aos cinemas.