O conflito en Gaza, o xenocidio, continúa aínda que xa non apareza nas primeiras planas da prensa e nos prime time dos medios. O Ateneo centrará o seu seguinte Luns en este tema coa conferencia “Gaza: un xenocidio televisado”.
A charla será impartida por Mohamed Safa, médico e escritor de orixe palestina. Coma sempre terá lugar na rúa do Vilar, 19 ás 19:30 horas. A conferencia será tamén retransmitida en directo a través da web www.ateneodesantiago.gal e na canle de YouTube do Ateneo.
O encontro deste luns propón unha reflexión crítica sobre o tratamento mediático e político da guerra en Gaza, así como sobre as consecuencias humanas do xenocidio no territorio palestino.
A sesión insírese na programación do Ateneo orientada a fomentar o debate cívico e a análise de cuestións de actualidade internacional dende unha perspectiva de dereitos humanos.
Mohamed Safa naceu en Cisxordania, territorio palestino ocupado polo Estado de Israel dende 1967. Médico oftalmólogo de formación, realizou os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela.
Comprometido coa defensa dos dereitos do pobo palestino, Mohamed Safa impulsou e participou en numerosas iniciativas culturais e políticas, ademais de desenvolver unha intensa actividade divulgadora a través de artigos, conferencias e publicacións como Palestina, grito por la libertad (2003) e La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión (2017).
