Bisbarra, 10 de xullo do 2023 – Máis de 300 persoas mobilizáronse o pasado sábado na propia da mina de San Finx de Lousame en contra dos vertidos que se pretenden realizar.
Joám Evans, portavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx, dixo no acto que “Amosamos unha vez máis a nosa oposición absoluta a que se poña en risco o futuro da ría e dos milleiros de empregos que xera, non imos deixar que os vertidos saian adiante”.
Pola súa banda, Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Noia, agradeceu o compromiso de todos os que acudiron á concentración, ao tempo que instou á Xunta a que mude as súas políticas medioambientais “porque son un fracaso, os ríos e as rías están morrendo pouco a pouco. Non entendemos como a Xunta está en contra dos pobos mariñeiros e permiten este dano medioambiental irreparable”.
Isaac Gaciño, patrón maior da Confraría de Portosín, incidiu na firme oposición “a non permitir ningún tipo de toxicidade na nosa ría. Son moitos postos de traballo, moitas familias as que viven dela e a loita non para aquí. Son 40.000 os postos de traballo directos e indirectos os que están en xogo e non podemos permitir que a calidade dos nosos produtos sexa contaminada”.
Rogelio Santos Queiruga, viceportavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx, reflexionou sobre “a importancia de coidar as nosas rías se despois queremos unha boa alimentación para a sociedade”.
A protesta incluíu un enterro simbólico dos produtos da ría coa compañía de teatro ‘Os Quinquilláns’, un concerto do grupo musical Barahúnda e unha degustación de produtos da ría ofrecida pola Confraría de Noia, que avisa de que “podería ser a última se se permite que os vertidos de San Finx acaben por realizarse”.