Compostela, 19 de decembro do 2018 – O Concello de Santiago e o Ministerio para a Transición Ecolóxica coinciden en manter a EDAR na Silvouta.
Na reunión mantida en Madrid ambas institucións coincidiron en que o proxecto do concello para a Silvouta é a mellor opción. Según o concello ” ten un menor impacto ambiental e un menor custo económico que o proxecto do Souto”. Os prazos previsto para reforma permitirían ademais seguir optando aos fondos europeos comprometidos para a infraestrutura “porque o proxecto formula a construción da EDAR por fases e, polo tanto, poderíanse realizar xustificacións parciais da obra para acceder ás achegas comunitarias”.
O alcalde, Martiño Noriega, avanzou que “nas vindeiras semanas asinarase o convenio con Acuaes para a licitación da redacción do anteproxecto da EDAR da Silvouta, e tamén se avanzará de cara a elaboración do estudo de impacto ambiental simplificado da infraestrutura”. O alcalde agradeceu que a Xunta mantivera o seu compromiso de achegar o 20 por cento do custo da nova estación depuradora de augas residuais “independentemente da súa estratexia de opoñerse á nova localización da EDAR na Silvouta”. Lembrou, ademais, que “a declaración de impacto ambiental do proxecto do Souto está caducada, polo que regresar a esta localización supón regresar a un punto cero da tramitación”. O alcalde incidiu, por último, en que “o convenio para a construción da EDAR no Souto foi rexeitado polo Pleno da Corporación, e non conta co respaldo social quen sí ten a alternativa da Silvouta”.
A Xunta difire sobre os fondos europeos
A Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia emitía un comunicado onde daba unha versión distinta sobre a posibilidade de manter os fondos europeos. Según a versión da Xunta o Ministerio trasladou que “ante o rexeitamento municipal ao proxecto previsto para a execución dunha nova depuradora do Souto, a alternativa de ampliar a actual estación da Silvouta suporía empezar as obras, no mellor dos casos, a mediados do ano 2022. Así, tal e como trasladaron os responsables da Administración central, a posta en servizo do novo sistema non podería producirse antes de finais de 2025”.
Con ese horizonte temporal, o Ministerio para a Transición Ecolóxica, según a versión da Consellería, considera inviable que a actuación poida financiarse cos fondos do actual programa operativo Feder 2014-2020, que teñen de prazo máximo de execución o 2023. Por ese motivo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade demandou que eses fondos comprometidos queden en Galicia e se destinen a atender outras necesidades na Comunidade.
A Consellería de Infraestruturas mantén o compromiso de financiamento pero insiste ademais nas dúbidas sobre a tecnoloxía proposta polo Concello de Santiago para a ampliación da depuradora da Silvouta.