Padrón, 4 de setembro do 2017 – O canteirán do Club Ciclista Padronés Miguel Mera proclamouse campión da Copa Galicia Cadete e mellor galego do I Trofeo AsturCántabroGalego.
A regularidade mantida ao longo desta tempada por Miguel Ángel Mera, cadete de primeiro ano do Cortizo-Anova, traduciuse en excepcionais resultados para o canteirán, que se proclamou esonte vencedor da Copa Galicia Cadete. Ademais, tamén conseguiu o título ao mellor galego do I Trofeo AsturCántabroGalego.
A proba de este domingo celebrouse en Boiro. Foi a quinta e última carreira da Copa Galicia. Miguel Mera xa partía como líder con 16 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado conseguidos nas tres probas nas que participara ata onte. O corredor do equipo padronés conseguira gañar en dúas delas (Trofeo Concello de Carballo e 30 Promoción Ciclismo Boiro), así como o segundo posto no Gran Premio San Roque conseguindo onte domingo o 4º posto tras sufrir unha caída na subida ao segundo porto. Miguel Mera non disputou o XVIII Trofeo Vila De Lour, xa que se atopaba disputando a VI Txuma Cadete, prestixiosa proba na que Mera levou ademais da vitoria, o premio á regularidade e a mellor cadete de primeiro ano.
Pero onte domingo era tamén en Boiro a última proba do I Trofeo ÁsturCántabroGalego. A primeira edición deste trofeo consistía en seis probas (2 en Asturias, 2 en Cantabria e 2 en Galicia). Aínda que Miguel Mera só participou en 4 das probas. Os excelentes resultados conseguidos (vitoria no XXV GP da Sardiña, 2º en GP San Roque e 4º en Promoción Boiro) conseguiron darlle o premio ao mellor galego desta competición.