Padrón, 24 de xullo do 2017 – Miguel Mera, cadete do Cortizo-Anova, conseguiu levar a vitoria na sexta edición do Txuma Internacional de Cadetes.

Miguel Mera, convocado pola Federación Galega de Ciclismo, impúxose ademais vencedor da Regularidade e leva o premio ao mellor cadete de primeiro ano.
O corredor do equipo padronés, defendendo nesta ocasión as cores da selección galega, participaba por primeira vez na proba conseguindo destacar desde a primeira xornada, cun segundo posto moi disputado ao sprint. Na segunda etapa, Miguel Mera volvía quedar ás portas da vitoria tamén ao sprint, alcanzando novamente un segundo posto que o alzaría líder na clasificación xeral así como líder da regularidade. Xa na última proba, Mera partía da saída defendendo a camisola de líder que finalmente afianzaba cun segundo posto, chegando con 8 segundos de vantaxe respecto ao pelotón e decidíndose novamente a vitoria ao sprint.
XVIII Trofeo Vila De Luou
As escolas disputaron este domingo o XVIII Trofeo Vila de Luou en Teo (A Coruña) organizado polo Club Ciclista Teo. Bos resultados nesta ocasión para as mulleres do Club Ciclista Padronés. En categoría principiante Sara Montenegro adxudicouse a segunda praza e en categoría infantil Laura Tenente subiuse ao terceiro caixón do podio.