O polígono empresarial de Camporrapado, en Boqueixón, ven de rematar unha serie de melloras nas vías de acceso que contaron con financiamento da Xunta de Galicia. Unha axuda que forma parte das habilitadas para a mellora das infraestruturas de este tipo de áreas.
Unhas axudas que convocaranse de novo no vindeiro mes de febreiro e para o que se destinan un total de 3,1 millóns de euros. As obras de Camporrapado recibiron a visita da Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, acompañados pola directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e os concelleiros de Obras, Manuel Fernández Munín; Economía e Facenda, José Manuel Iglesias; e Servizos Sociais, Ángela Conde.
As obras consistiron na mellora de varios camiños que rodean o polígono empresarial de Camporrapado a través do reforzo do firme cunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros, previa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
En total, actuouse sobre unha superficie de 1.795 m2 onde ademais, e para mellora da seguridade dos peóns, executouse unha senda peonil de 195 metros de lonxitude e cun ancho medio de 1,8 metros, mediante 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón de cor.
A maiores, e para unha mellor recollida de augas pluviais, en Camporrapado construíuse unha rigola de 30 centímetros de formigón e instalouse unha tubaxe ao longo deses 195 metros de senda, con 12 arquetas sumidoiro e seis pozos de rexistro na calzada.
As obras remataron coa limpeza das cunetas e a colocación da sinalización horizontal, co correspondente pintado de liñas de bordo e símbolos de tráfico. Este parque empresarial de Boqueixón foi un dos 73 que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2025. Deles, 28 na provincia da Coruña; 22 na de Lugo; 7 en Ourense e 16 en Pontevedra.
Este investimento súmase ao realizado pola Xunta de Galicia e o Concello de Boqueixón no segundo semestre de 2022. Un proxecto no que se investiron 150.000 euros, dos que 120.000 procedían tamén dunha subvención da administración autonómica para a mellora dos viarios perimetrais do polígono de Camporrapado e que dan acceso ás empresas aló afincadas.
Unha actuación na que se realizou a preconexión á rede de saneamento municipal das propiedades anexas ás estradas e se fresaron os entronques destes camiños coa AC-960 A Susana-Vila de Cruces.
Nova convocatoria
Lorenzana explicou que as axudas da convocatoria que se abrirá na primeira semana de febreiro cobren ata o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística
