Bisbarra, 27 de marzo do 2024 – O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu onte a aprobación do proxecto de adaptación medioambiental da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, entre Santiso e Melide.
O Consello da Xunta aprobou o proxecto sectorial para a ampliación da central hidroeléctrica do río Furelos., O proxecto corresponde á modificación concesional do aproveitamento hidroeléctrico en explotación do salto de Portodiz.
Os cambios aprobados suporán a adecuación das instalacións do salto existente no río Furelos co fin de permitir o remonte dos peixes para favorecer a súa reprodución, ao tempo que se poida realizar a explotación do aproveitamento hidroeléctrico segundo a modificación da concesión.
As obras a executar sobre as instalacións actuais, inclúen as actuacións para a adecuación ambiental do salto de Portodiz que permitan o remonte das especies ictícolas que, pola altura e as características das ladeiras do río non é sinxelo. Prevese a execución dunha represa que permite con dúas escalas máis pequenas salvar o obstáculo do salto, favorecendo o remonte dos peixes polo Furelos.
Coa publicación no DOG os interesados poderán comezar as obras de ampliación, tendo en conta os condicionantes establecidos nas resolucións vinculadas ao aproveitamento no río Furelos, así como ás declaracións ambientais e informes que forman parte do expediente de autorización.
O proxecto construtivo da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, en Santiso foi sometido a información pública o 8 de febreiro de 2021 para alegacións, informes das administración e entidades afectadas.
A aprobación do Proxecto sectorial do proxecto construtivo leva implícita a adaptación por parte dos concellos de Melide e de Santiso dos seus planeamentos urbanísticos ao contido do proxecto sectorial nos prazos que determina este e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico, segundo establece o artigo 11.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo. Ademais, segundo o disposto no artigo 13.1 do citado Decreto 80/2000, do 23 de marzo, non resulta necesaria a declaración de incidencia supramunicipal, ao tratarse dun proxecto sectorial en desenvolvemento dun plan sectorial previamente aprobado, como é o Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia-Costa.