Melide, 13 de setembro do 2017.- Foron varios os veciños das parroquias de Melide por onde pasan as diferentes liñas os que fixeron uso do servizo de transporte escolar compartido.
O transporte escolar compartido é unha novidade que a Xunta de Galicia decidiu poñer en marcha este curso 2017/2018 e coa que se intenta dinamizar as zonas do rural ofrecéndolles mellores comunicacións cos núcleos urbanos.
Este curso o CEIP Nº1, o CEIP Martagona, o CEIP Mestre Pastor Barral e o IES de Melide compartirán o seu servizo de transporte escolar co rural melidense. É nova modalidade que funciona con éxito noutras comunidades autónomas desde hai anos e mesmo en Galicia a través do Tes+Bus. Este novo Plan de transporte público prevé un conxunto de garantías e normas destinadas a ofrecer o correcto funcionamento desta modalidade de transporte compartido.
Os escolares teñen blindada a atención as súas necesidades, xa que os contratos establecen o carácter absolutamente prioritario da atención ás necesidades dos alumnos. Así, os horarios, as paradas e os itinerarios mantéñense intactos, polo que o uso compartido do autobús non supón alteración algunha no servizo aos escolares.Os acompañantes e os condutores terán unha instrución precisa sobre como proceder en cada situación, con capacidade para impedir o acceso ao autobús de persoas que poidan representar un perigo para os menores.
Non todas as rutas que realiza o transporte escolar en Melide serán beneficiarias deste servizo para os veciños do rural. Polo tanto, as persoas que queiran utilizar este método de transporte terán que fixarse nas diferente liñas, xa que, o propio autobús estará identificado como transporte compartido ou non.
Na provincia da Coruña o comezo do curso desenrolouse con total normalidade e sen incidencias. Onte iniciaron as clases 43.130 alumnos nos 258 centros públicos, 15.023 en concertados e 1.312 en privados non concertados.