Bisbarra, 29 de decembro do 2022 – Melide mellorará a seguridade vial en distintas rúas do centro e instala cámaras de seguridade no polígono da Madanela.

Investiranse 183.248 euros na mellora das rúas Concepción Arenal, Curros Enríquez, Fernández Flores, Alfonso Castelao e Avenida de América. Son traballos que pertencen ao Plan Único e se atopan están en fase de licitación.
O proxecto contempla a renovación dun tramo de 325 metros de lonxitude, nas diferentes vías, coa intención de mellorar a funcionalidade e a seguridade, tanto para o tráfico rodado como para os peóns.
Tamén se prevé establecer unha nova canalización de augas pluviais mediante a disposición dunha gabia de formigón, cos seus correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro. A intención é a de humanizar e incrementar o espazo de calidade nesta zona urbana.

Polígono da Madanela
Por outra banda o concello de Melide ven de instalar un dispositivo de vixilancia no polígono da Madanela cun investimento de 17.998,87 euros. Trátase dun sistema de dez cámaras con tecnoloxía de última xeración orientada a garantir a fiabilidade do servizo e a súa durabilidade.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Xosé Igrexas, considera que “con este investimento, trasladamos unha mensaxe de confianza aos axentes económicos do noso concello, porque dende a administración pública velamos pola integridade dos produtos, mercadorías, instalacións e infraestruturas das empresas situadas no noso polígono industrial”.