Melide, 11 de xullo do 2022 – Música, cine, xogos ou monicreques entre outras propostas conforman as máis de vinte actividades previstas no Verán Cultural de Melide, a desenvolver ata setembro.
O programa foi presentado pola concelleira de Cultura, Mayka Basalo. A edil sinalou que co Verán Cultural “o Concello de Melide volve pór a disposición de toda a veciñanza actividades coas que desfrutar a calquera idade”. A concelleira puxo en valor o peso da programación destinada ás familias e a variedade na oferta.

A edición de 2022 do Verán Cultural dedicará boa parte da programación á música baixo dúas modalidades. A primeira delas será a das Noites Musicais que comezaron o pasado sábado e que continuarán co musical Camiñantes e Cantantes 2022, un espectáculo sobre os camiños coa participación de Lucía Pérez, Manquiña, Rocío Caamaño e moitos máis. Terá lugar o venres 29 de xullo ás 23h no aparcadoiro da Avenida da Habana. Ao día seguinte, sábado 30 de xullo, a nova musa da canción galega, Antía Muíño, actuará ás 22h na praza do Convento.
O mes de agosto aínda acollerá dúas noites musicais máis. O venres 5 será a quenda de Eva Cornellious cun espectáculo que mestura jazz, funk, soul, blues e R&B, con orixe en New Jersey. Actuará na praza do Convento ás 22h. Posteriormente, o sábado 13, soará a guitarra acústica moderna de Nino Costoya no mesmo lugar e hora.
A segunda modalidade musical será o ciclo de actuacións ao mediodía baixo o nome Vermú no Camiño. Iria Estevez, co seu Camiños do Fado será a seguinte protagonista de este ciclo o domingo 31 de xullo ás 13h na praza das Ichoas. O sábado 7 de agosto Pablo Balseiro traerá o seu espectáculo de rumba, guateque e rock ao mesmo lugar e na mesma hora. O domingo 14, Os Piñeiros efectuarán o seu tributo ao pop-rock clásico, tamen na praza das Ichoas á unha do mediodía.
Xa en setembro, Vermú no Camiño pecha coa actuación, o día 4, de Pepe Piña co seu espectáculo de Joe Cocker aos Ronaldos, ás 13h na Praza das Ichoas.
Venres de cinema
As proxeccións cinematográficas terán un oco destacado na programación do Verán Cultural durante o mes de xullo. Todas as películas serán proxectadas ás 22h no Cantón de San Roque. O venres 22 proxectarase ‘Padre no hai más que uno II’. Xa o venres 29, o filme do ciclo será ‘A praia dos afogados’, adaptación da exitosa novela do recentemente finado Domingo Villar.
O día 15 de agosto proxectarase o documental “Outros camiños” ás 22h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.
Exposicións e actividades infantís
O Verán Cultural contará con cinco Domingos Infantís centrados nas e nos pequenos da casa. Todas as actividades terán lugar no cantón de San Roque ás 12 da mañá. O domingo 3 de xullo deu comezo este ciclo co divertido e familiar espectáculo de marionetas ‘Varietés del animalario’ de Paporrubio. Seguirá o domingo 10 coa actuación do circo contemporáneo, con humor e danza, de ‘Up2Down’. O día 31 actuará ‘A Banda das Apertas’ cun espectáculo para toda a familia de pop, rock, funk e rumba.
