Bisbarra, 26 de marzo do 2024 – O concello de Melide ven de sumarse ás numerosas voces que se opoñen a instalación do proxecto da portuguesa ALTRI na zona da Ulloa.
O equipo de goberno de Melide, formado polas agrupacións de Adiante Melide e BNG de Melide, así como a portavoz do PSdeG, mostran o seu total e firme rexeitamento ao megaproxecto industrial de ALTRI.
O goberno de Melide explica que despois de analizar o proxecto quedan claros os cambios acometidos desde o presentado hai tres anos. ALTRI mudou a actividade principal da fabricación de fibra téxtil á de pasta de celulosa. Os empregos pasan dos 2.500 que se prometían hai tres anos a menos de 500.
A industria portuguesa tamén incrementa o impacto medio ambiental xa que a previsión é consumir 46.000 metros cúbicos de auga diarios e 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano. Por estas razóns o goberno municipal de Melide emitiu un comunicado no que se opón ao proxecto.
Melide, pola súa proximidade á zona elixida por ALTRIM , sería un dos máis afectados polo megaproxecto. O equipo de goberno considera de interese estratéxico adoptar unha posición decidida na defensa dos intereses dos melidenses e o territorio.
As alegacións que efectuará o Concello de Melide ao megaproxecto industrial de ALTRI estarán enfocadas en cuestións como o impacto que pode ter na saúde das persoas, afectacións ao Camiño de Santiago, impacto medioambiental e visual, etc.