Melide, 20 de xaneiro do 2020 – O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Política Social e Igualdade, poñerá en marcha no centro social unha actividade que leva por nome “Igual a nós”.
Igual a nós durará arredor dunha hora e está composto por unha obra, unha sesión de debate e unha pequena “perfomance” coa que reflexionar sobre a violencia de xénero. Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral da Igualdade ao abeiro dun acordo de colaboración coa FEGAMP que conta co patrocinio do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.
Poucas veces se toca a importancia de traballar nos ámbitos da igualdade coas persoas maiores, quizais as que teñen máis interiorizado e normalizado o patriarcado por ter nacido e medrado nunha sociedade pouco contestataria co machismo.
Neste sentido, “Igual a nós” ofrecerá un formato de representación escénica e debate-coloquio co obxectivo de afondar na participación social das mulleres de máis idade. Esta actividade terá entre os seus obxetivos mellorar a calidade de vida das mulleres; promover e sensibilizar na educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero; sensibilizar e concienciar as persoas para a ruptura dos estereotipos de xéneros existentes; potenciar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de comunicación e formación; e fomentar a participación social e o encontro entre mulleres como mecanismo de mellora da autoestima persoal e grupal.
A cita será o mércores 29 de xaneiro as cinco da tarde. A actividade comezará cunha presentación, unha breve explicación do proceso en cada unha das súas fases. A continuación levarase a cabo unha representación escénica de 30 minutos de duración, dirixida a abordar conceptos básicos de igualdade e prevención da violencia de xénero, e como eixo vertebrador empregarase as novas tecnoloxías, especialmente o uso do móbil.
Unha vez rematada a representación escénica, realizarase unha reflexión grupal de 20 minutos de duración. De seguido, establecerase un coloquio para que todas as persoas poidan expoñer as súas inquedanzas e as súas reflexións, e tamén clarificar conceptos abordados durante a representación escénica.
As persoas interesadas en participar nesta actividade, que se levará a cabo no centro social o mércores 29 de xaneiro ás 17h da tarde, terán que inscribirse previamente no
teléfono 981 50 57 06.
