Bisbarra, 24 de marzo do 2023 – O concello de Melide presentou a programación da Foliada 2023 que contará con Xabier Díaz e Xisco Feijoó como principais concertos do evento.
Foi precisamente Xabier Díaz o que acompañou ao alcalde, José Manuel Pérez, e a concelleira de cultura, Mayka Basalo, no acto que se realizou na Praza do Convento, diante do concello de Melide. A XVI Foliada celebrarase o 29 e 30 de abril e será a segunda organizada integramente polo concello.
A edición de 2023 da Foliada volve programar dous días de celebración e festa arredor da cultura tradicional con grupos destacados e actividades complementarias. Un ano máis, unha das citas máis agardadas serán os Cantos de Taberna, que acadan así a súa duodécima edición. Celebraranse dende as 12 da mañá do sábado 29 na zona dos viños, levando o canto polo corazón da zona histórica da vila.
O Serán do sábado correrá a cargo de Xisco Feijoo, quen achegará a súa particular visión da música tradicional cun toque de modernidade. Tamén participarán, como cada ano, grupos e músicos de toda a terra de Melide.
O domingo 30, a sesión vermú correrá a cargo de Acordeireta, o dúo de acordeón e pandeireta conformado por Patricia González e Alejandro Balbuena. Posteriormente, a actuación infantil corresponderalle a Mamá Cabra e Bellón Maceiras. Ademais, presentaras o libro Concha de Luneda de Xerardo Santomé e actuará a Banda de Gaitas Queiroa.
A gran actuación deste ano, logo do éxito das Tanxugueiras en 2022, será a de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, as once mulleres que con percusión e voces acompañan ao veterano músico dende hai xa oito anos. Un espectáculo que congregará un ano máis a centos de afeccionados á música tradicional, convertendo Melide en capital do xénero.
Un ano máis, a Foliada compleméntase con mostras de artesanía e animación de rúa dende o sábado. Haberá igualmente un obradoiro de baile para adultos e outro infantil.
A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, afirmou durante a presentación do cartel que esta edición da Foliada “promete ser moi especial” e congregará “moitos foliadeiros e foliadeiras”. Agradeceu a presenza de Xabier Díaz, quen non podería ser “mellor abandeirado desta nova edición”, por tratarse dunha persoa que levou a música tradicional “a un nivel tan alto” e que levou por todas partes a música e a lingua de Galicia.
A edil tamén fixo referencia ao labor histórico da Asociación O Castelo organizadores da Foliada a Foliada dende o ano 2005 ata o 2018, amosando a súa satisfacción por contar en Melide con asociacións así que “traballan a prol da nosa cultura e da nosa tradición”.
Basalo rematou a súa presentación chamando á participación na XVI Foliada de Melide e agradecendo o labor das persoas que fan posible a gran festa melidá de cultura tradicional, unha das máis destacas de Galicia.