Melide, 28 de xullo do 2018 – Máis de trescentos bailaríns participarán no I Festival SBK e Concurso de Bailes Latinos Camiño de Santiago que se celebrará en Melide esta fin de semana.
Este Festival SBK é unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Alecrín e que conta coa colaboración do Concello de Melide. Artistas da talla da parexa formada por Alex&Ornella, ela campiona do mundo na súa modalidade de salsa, estarán en Melide acompañados doutros artistas de renome como Xurxo e Reyes de Vigo, Diogo e Ana de Braga, Jaime Silva de Ourense, Lionel e Debby de Ponferrada, o Caito e Sara Kizomba Danza de A Coruña. Artistas de danza de renome nacional e internacional tomarán as rúas de Melide con clases e shows totalmente gratuitos e para todas as idades.
O I Festival e Concurso de Bailes Latinos Camiño de Santiago, o Melide SBK Festival, respondendo as siglas dos bailes salsa, bachata e kizomba, pretende asentarse no calendario festivo de Melide ofrecendo unha alternativa como é a dos bailes latinos que ata o momento non existía na vila.
