Melide convértese esta fin de semana no protagonista da festa e da repostería. Dous dias nos que a gastronomía máis doce, a música e as actividades para todos os públicos ocupan a vila.
A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide é a cita gastronómica máis importante da comarca e unha das de maior proxección de toda Galicia desde que no ano 2013 fose declarada Festa de Interese Turístico Galego.

A primeira Festa do Melindre de Melide organízase, sempre a cargo do Concello, no ano 1991 polo que esta fin de semana chega a súa 33 edición.
A Festa do Melindre naceu coa intención de protexer, poñer en valor e recuperar a forma tradicional de facer repostaría de Melide e da súa comarca. Os doces tradicionais de Melide, ademais de producir pracer ó noso padal, son elementos que en conxunto forman parte dun aspecto importante do patrimonio cultural do noso pobo.
Nos últimos anos, a homenaxe estendeuse a toda a repostería típica e tradicional de Melide e da súa comarca. En concreto, fálase de tres produtos que recollen a esencia da tradición reposteira da zona: o melindre, o rico e o amendoado.
Irmandamento
Este ano dentro das distintas actividades da festa, farase un Acto de Irmandamento con Santurtzi. O nexo afectivo con este concello ten a súa orixe na gran cantidade de melidenses que tiveron que emigrar noutro tempo a Euskadi.
Os galegos morriñentos necesitaron asociarse, ao igual que noutras localidades, e formaron o 6 de abril de 1969 a Casa de Galicia en Santurtzi, esta asociación traballou arreo polos galegos e a nosa cultura na diáspora.
Tamén farase Embaixadora da festa á alcaldesa de Santurtzi, Karmele Tubilla, que sempre estivo ligada ao tecido cultural e social da vila de Santurtzi, un municipio que destaca pola ampla oferta cultural e deportiva, elementos que reflicten a identidade dos e das santurtziarras. poñendo en valor a historia e tradicións locais.
Dentro deste irmandamento terá especial protagonismo a música de varias agrupacións musicais desta localidade,coma o grupo de baile Zugaitza Dantza Taldea, os Cabezudos Santurtziko Erraldoien Konpartsa e gaita Galega e a banda de música folk KORRONTZI.
Embaixadores/as da Festa do Melindre
A Festa veu apadriñada, nos últimos anos, por unha serie de persoeiros relevantes da gastronomía, a restauración, o cine, o deporte, a música, a administración e o mundo empresarial que colaboran co Concello de Melide, como pregoeiros e embaixadores, para transmitir a labor reposteira tradicional da comarca.
Créase a figura do Embaixador/a do Melindre como unha distinción de recoñecemento a persoas ou institucións polo labor promocional desenvolvido a prol de Melide e directa ou indirectamente a prol da promoción da repostaría tradicional da Terra de Melide.
Nesta 33 edición da festa ademais da alcaldesa de Santurtzi, Karmele Tubilla, nomearanse embaixadores a Edu Lavandeira (pregoeiro) e A Casa de Galicia en Santurtzi.
O Pregoeiro da 33 Festa do Melindre
Edu Lavandeira (Vigo, 1981) é director e creativo audiovisual con numerosos documentais e programas de entretemento no seu currículo. Gañador do Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa de TV por Buscadores de Naufraxios. A súa carreira sempre estivo relacionada cos medios de comunicación e o entretemento audiovisual.
Apaixonado da gastronomía, especialmente dos pans, das masas e das pizzas, creou a primeira serie documental dedicada a este ancestral alimento: “Maestros del Pan” e publicou dous libros Planeta PAN e Pan Galego.
Toda a súa familia materna é de Melide, de onde toma o apelido, Lavandeira. E a Melide faille unha longa homenaxe no libro Pan Galego, no que inclúe algunhas elaboracións que ten na súa memoria ou na da súa nai, como a torta (pan baixo e pouco cocido) ou as rosquillas de sartén.
Ademais, acumula case dous millóns de seguidores entre Instagram, Tik Tok e YouTube onde triúnfan os seus virais vídeos de elaboracións.
Programación
Ademais dos actos oficias e a Feira a música e as actividades para os cativos serán protagonistas da fin de semena. A Festa do Melindre pecharase o domingo cun concerto que encherá a Praza das Coles: De Ninghures. A continuación tedes todos os horarios así que a desfrutar.
Sábado
11:00h
Apertura da Feira no Cantón de San Roque en horario de 11:00 a 14:00h e de 16:30 a 20:30h
12:00h
Acto de Irmandamento con Santurtzi na Casa do Concello
No Cantón de San Roque obradoiro Interxeracional de exaltación dos doces da Terra de Melide.
12:45h
Acto de Saúdo na Praza do Convento con Zugaitza Dantza Talde e gaita Galega
Animación de Rúa.
Pasarrúas polas prazas e rúas polos Cabezudos Santurtziko Erraldoien Konpartsa e os Cabezudos do Concello de Melide xunto con a Charanga Os Caliqueios
13:00h
Visita aos stands no Cantón de San Roque
13:30h
Actuación exaltación dos doces da Terra de Melid no Cantón de San Roque
17:30h
Actividade Infantil. No Cantón de San Roque
Rogelio 3. La Feté, Circo, clown, corda frouxa, malabares e música
18:00h
Actuación dos grupos de baile na Praza do Convento Zugaitza Dantza Taldea, (Euskadi) e Herba Grileira (Melide)
19:00h
Actuación exaltación dos doces da Terra de Melide no Cantón de San Roque
20:00h
Concerto na Praza das Coles do grupo KORRONTZI
Domingo
11:00h
Apertura da Feira no Cantón de San Roque en Horario: de 11:00 a 14:00h e de 16:30 a 18:00h
11:30h.
Animación de Rúa
Pasarrúas polas prazas e rúas Froito Novo e Charanga Bicoia
12:00h
Nomeamento de Embaixadores e Pregón no Cantón de San Roque
13:00h
Animación de Rúa
Pasarrúas polas prazas e rúas Froito Novo e Charanga Bicoia
13:00h
Actuación exaltación dos doces da Terra de Melide no Cantón de San Roque
17:30h
Actividade Infantil. Cantón de San Roque Sen Patróns
18:00h
Peche da Feira No Cantón de San Roque
19:00h
Concerto na Praza das Coles De Ninghures
