Bisbarra, 13 de maio do 2024 – Melide viviu un ano máis a chamada “festa máis doce de Galicia”, a trixésimo segunda Festa do Melindre, con éxito de público e ventas.
A xornada do sábado tivo un momento moi emotivo xa que este ano repartíronse por primeira vez os carnés de embaixadores aos máis pequenos, dentro das actividades infantís do Melindriño. A xornada foi un éxito co showcooking “Mans de autor” a cargo de Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide e de Pablo Pizarro, mestre de empanadas e chef de La Empanada Viajera.
Tamén animou o evento a música en directo da cantautora MJ Pérez, Premio Martín Códax da Música (2021) na categoría de canción de autor, finalista dos Premios Opinión da Música de Raíz (2021) coa súa canción “vai embora!”, entre outros.
O domingo
A Praza do Convento estaba chea de persoeiros e visitantes que quixeron achegarse ao pregón da 32ª Festa do Melindre e a repostería tradicional. A presentadora do acto, a locutora de Radio Melide María Torre deu a benvida a todos/as presentes e deu paso á entrega de Pins e Diplomas aos Embaixadores/As Do Melindre.
Estes foron, Paco Veiga, quen prometeu exercer o cargo de embaixador con dignidade no seu nome e no nome da asociación de xogo popular e tradicional e outras asociación nas que participa.
O Museo Terra de Melide que recibiu Xosé Manuel Broz quen falou dos pobos que pasaron por Melide, Franceses ou Irmandiños. E Marcial Mouzo, quen tamén participou como pregoeiro na edición deste ano. Entregáron os pins Carmen Liñeira, Concelleira de Política social, Igualdade e Saúde, Xosé igrexas, Segundo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Comercio, e José Manuel Pérez, Alcalde de Melide.
Logo foi a quenda das intervencións institucionais. Comezou intervindo Xosé Manuel Merelles, Director da Axencia de Turismo de Galicia, quen destacou a satisfacción que para a Xunta supón colaborar cunha das festas declarada de interese turístico que maior prestixio ten en Galicia. “Tamén é un orgullo ver como se pon en valor a repostaría tradicional como elemento de promoción turística de Galicia, que xunto co peso do camiño de Santiago fan de Melide uns dos polos de atracción turística de Galicia”.
Seguidamente foi a Subdelegada do Goberno María Rivas, quen tomou a palabra para comentar que “é un gusto e unha honra estar un ano máis nesta festa que cumpre a 32ª edición e que goza de moi boa saúde”, agradeceu o convite e moi especialmente aos novos embaixadores do melindre e aos veciños/as, larpeiros/as e visitantes á vila.
Interviu a continuación Jose Manuel Pérez, Alcalde de Melide, quen tras agradecer a asistencia ás autoridades presentes, embaixadores e veciños, declarou “Hoxe domingo doce estamos celebrando a nosa festa máis doce”. Este xogo de palabras fai que este día sexa aínda máis acaído. “A nosa festa foi presentada hai un mes no Fórum Gastronómico da Coruña, e anunciamos moitas novidades, tamén relacionadas coa provincia. Como ben di o eslogan da deputación, A Coruña é “a provincia que sabe”, e nós desde Melide queremos aportar sempre a parte co sabor máis doce, onde o presidente dos melindreiros nos fixo unha degustación con demostración de como se fan os ricos, o doce exclusivo da terra de Melide, e por suposto, os melindres.
O alcalde agradeceu a todas as persoas e empresas que participan nas actividades, e por suposto as casas reposteiras e aos traballadores do concello. Temos máis de 35 stands en total, con postos de doces de toda Galicia e o mellor da nosa artesanía, en colaboración tamén cunha institución tan recoñecida como a fundación Artesanía de Galicia.
Rematou dando paso o gardado momento do pregón e solicitando un aplauso para recibir ao seu protagonista deste ano, o popular comunicador, presentador e director do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, en antena desde 1996, Marcial Mouzo.
O pregoeiro, emocionado, comezou saudando ás autoridades e asistentes, salientou a honra que supón para él por ser unha das festas con maior proxección de toda Galicia. Destacou tamén que se ben hoxe foi oficialmente nomeado como embaixador, feito que lle enche de “orgullo e satisfacción” xa viña facendo a labor de embaixador desde hai anos, porque “sempre que tiven a oportunidade de por en valor os doces de Melide, fíxeno coma un melidense máis”.
Definiu os melindres, ricos e amendoados, como “unha delicia para o padal e unha sobremesa que nunca debe faltar en ningunha mesa”. Recordou os seus primeiros pasos por Melide, e “o cheiro a forno de pan e doces polas rúas mesturado con historias de radio”. Lembrou os reposteiros actuais e aos que xa non están, que entre todos “impulsaron o proxecto de renacemento da repostaría de Melide como marca de calidade, e o recoñecemento e do traballo artesán dos reposteiros dentro e fora de Galicia. Que nunca lles falte a muda xeracional para nos facer a vida máis doce co seu traballo”. Rematou afirmándose sinceiramente emocionado polo caluroso acollemento, atención e ledicia ca que recibiuse a súa intervención entre os asistentes, e convidando aos asistentes a darlle dozura ao corpo, que bastantes amarguras temos xa no mundo.
O acto concluíu cun percorrido dos persoeiros e intervintes polos stands da praza e da rúa do convento, na que en palabras dalgúns produtores, está a ser unha das edicións máis “doces” en vendas, pois algunha das casas melindreiras superou os 10.000 ovos consumidos, superando mesmo á edición do ano pasado. Os melindreiros redoblaron esforzos na produción dos tres doces, melindres, ricos e amendoados, durante os días previos á festa para non esgotar as existencias nesta edición 2024.