Bisbarra, 23 de decembro do 2024 – A Xunta de Galicia aposta pola dixitalización das 28 depuradoras que xestiona co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia no saneamento das vilas.

O goberno autónomo ven de adxudicar, por preto de 10 millóns de euros, un contrato para os próximos cinco anos co que optimizar a xestión e o funcionamento de estas estacións. O contrato inclúe a realización de traballos de control analítico sobre o saneamento, por medio de ferramentas tecnolóxicas, e a emisión de informes de seguimento.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hai unha semana a Estación Depuradora de Augas Residuais de Melide (EDAR), unha das 28 que xestiona a Consellería e que se verá beneficiada pola dixitalizacións dos procesos..
A conselleira fixo fincapé en que, ao abeiro desta iniciativa, implantarase unha nova plataforma para monitorizar en remoto e en tempo real esta infraestrutura de saneamento, o que permitirá a recollida continua de datos de diferentes fontes relevantes para coñecer o estado dos procesos e as posibles desviacións mediante un elevado número de sinais dos sensores, dos equipamentos ou do control enerxético.
Segundo subliñou Ángeles Vázquez, esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego de dar apoio técnico e financeiro aos concellos, administracións responsables da prestación dos servizos de saneamento e abastecemento, co fin de ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos de saneamento.
No caso de Melide o Goberno galego tamén concedeu unha axuda de preto de 15.000 euros para auditar a rede de saneamento municipal, coñecer os problemas existentes e detectar e corrixir, de ser o caso, a entrada de augas brancas no sistema -augas limpas naturais que chegan por infiltración á rede e hai que depurar-.

Ángeles Vázquez informou de que Augas de Galicia está a avaliar a análise municipal que lle remitiu recentemente o Concello de Melide para avanzar na identificación das ineficiencias do sistema de saneamento e a súa posible resolución.