Bisbarra, 11 de marzo do 2024 – A Deputación da Coruña destinará 460.000 euros á urbanización das rúas Convento e Ronda da Coruña no concello de Melide.
Unhas obras que forman parte do POS + adicional 2023 e que serán financiadas na súa totalidade. A licitación ten como prazo límite os vindeiros días 20 e 21 de marzo. Os traballos en Melide afectarán ademais á travesía do Progreso, rúa San Pablo e rúa San Pedro.
Ronda da Coruña
As obras, no caso da Ronda da Coruña, tentan reformar e poñer en valor o tramo que vai desde a citada ronda e rúa Convento, e deste xeito continuar as melloras levadas a cabo no casco histórico.
O obxectivo desta actuación é acondicionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Melide, a rexeneración ambiental e humanización, a accesibilidade e a mellora da seguridade viaria, ordenando o tráfico rodado de cara a unha futura peonalización. A reforma renovará os pavimentos, a rede de saneamento, o subministro de auga, a iluminación, o mobiliario urbano e o axardinado.
Rúa do Convento
A rúa Convento, pola que pasa o Camiño de Santiago, é paralela a estrada autonómica AC-840. En este caso ampliarase a beirarrúa cara a estrada autonómica o que poñerá en valor como elemento central a fonte do cruce.
No tramo que vai desde a rúa Progreso e San Pedro restrinxirase o aparcamento e o tráfico, unicamente con posibilidade de acceso a garaxes. Unha vez rematada a obra, peóns e vehículos compartirán a vía que vai desde a rúa San Pedro cara a praza do Convento.
Aquí aproveitarase para rexenerar o axardinamento mantendo as especies vexetais de interese como o magnolio e con novas plantacións. Canto á travesía do Progreso tamén se propón a renovación de pavimentos, ordenación do tráfico, rexeneración ambiental, e a mellora do mobiliario urbano.
Con esta actuación melloraranse as infraestruturas do Concello de Melide, humanizando un espazo moi transitado e que redundará no beneficio da veciñanza á hora de realizar os seus desprazamentos diarios.