Bisbarra, 3 de xaneiro do 2024 – Melide adquire de forma directa catro parcelas no centro da vila que conforman un amplo solar dispoñible para o uso de aparcadoiro público e celebración de grandes eventos.
Este solar xa tivera estes usos no pasado recente, xa que entre 2020 e 2022 foi cedido, de forma gratuíta, ao Concello con estes fins. A adquisición destes terreos xustifícase na necesidade do municipio de contar con espazos nun emprazamento especialmente privilexiado para os usos previstos.
O solar está situado no centro do trazado urbano, a só corenta metros da N-547. A súa utilización como local de estacionamento público ofrece a oportunidade de desconxestionar o tráfico rodado nunha zona céntrica atravesada a diario por un importante número de vehículos.
O feito de situarse adxacente ao Camiño de Santiago reforza a súa importancia en relación con algúns dos usos previstos (grandes eventos, feiras e festas). As parcelas, segundo o informe inicial, teñen ademais uns custos de urbanización baixos.
En marzo de 2023 o Servizo de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación da Coruña emitiu un informe onde avalaba tanto o uso como aparcadoiro como a fórmula de adquisición directa dos terreos.
Parcelas e prezo da adquisición
As catro parcelas que conforman o solar obxecto da compra son a parcela de solo urbano consolidado nº45, e as de solo urbano non consolidado nº 06, 46 e 47. A taxación do valor das mesmas fíxose por un valor de 928.818 €. O prezo final será de 974.950,60 euros, dada a aplicación do IVE correspondente.
O Concello emitiu o pasado mes de decembro a oferta de compra, cos preceptivos informes favorables da intervención municipal sobre a consignación orzamentaria e da secretaría sobre o procedemento de adquisición directa. A formalización da adquisición tivo lugar o pasado venres, 29 de decembro de 2023.
O alcalde, José Manuel Pérez Penas, amosou a súa satisfacción por esta compra. Lembra o rexedor que o solar deu un servizo moi necesario a todo o pobo de Melide durante os dous anos que permaneceu cedido ao Concello, e que mediante esta fórmula se garante a dispoñibilidade pública deste amplo espazo no futuro.