Bisbarra, 3 de outubro do 2022 – Os concellos de Melide e Toques organizan o próximo día 12 a II Andaina dos Montes do Bocelo coa colaboración da asociación deportiva Cerne.
A Andaina, a través da ruta de sendeirismo que une ambos os dous municipios, atravesará o Coto do Pilar, teito da Coruña, o punto máis alto da provincia con 803 metros sobre o nivel do mar. A senda habilitada entre ambas as dúas administracións locais, ten como referencia da Federación Galega de Montañismo PR-G 259.

Partirase ás 9:30h da mañá dende Melide e Toques. A ruta dende Melide ata o Coto do Pilar ten unha lonxitude de 10,8 quilómetros, mentres que dende Toques ao mesmo punto hai unha distancia de 8,6 quilómetros. Haberá autobuses no Coto do Pilar para o regreso ao punto de saída, aínda que as persoas participantes poderán continuar a ruta ata chegar ao punto de saída contrario, percorrendo en total case 20 quilómetros.
A inscrición pode efectuarse a través da APP Sporttia, presencialmente nas Casas do Concello de Melide ou Toques ou a través dos teléfonos: 981 505 001 extensión 2103 (Concello de Melide), 981 505 826 (Concello de Toques), 620 60 57 81 (Deportes Melide) e 626 44 58 16 (Deportes Toques). As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.