Bisbarra, 4 de marzo do 2024 – O Concello de Melide conmemorará o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, con actividades que se estenderán durante todo o mes de marzo e ata comezos do mes de abril.
Melide volve pór o foco na mocidade con actividades específicas para os centros de ensino, ademais de organizar charlas centradas na saúde da muller. O programa dá comezo mañá martes, no Centro Sociocultural Mingos de Pita, ás 11:30h cunha función de Circo na Casa dirixida ao alumnado entre 1º e 3º de Educación Primaria dos CEIP Martagona, Mestre Pastor Barral e Nº1.
O propio venres 8 de marzo o alumnado do CEIP Martagona de Educación Infantil asistirá á representación de “Non hai cousas de neno e cousas de nena, só de persoas”. Ese mesmo dia, ás 12 do mediodía, lerase o manifesto institucional na praza do Convento, diante do Concello de Melide.
O xoves 21 de marzo reunirase a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. A xuntanza terá lugar no Centro Social de Melide ás 21h. Este organismo promove no ámbito local actuacións de cara á erradicación da violencia contra as mulleres.
O venres 22 de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Melide participará no obradoiro “Amores que molan II”. O mércores 3 de abril asistirán á mesma actividade as e os alumnos de 4º de ESO do mesmo centro.
O sábado 23, a fisioterapeuta Lorena Pampín impartirá unha charla sobre solo pelviano ás 11h no antigo centro de saúde. As inscricións para esta charla poden facerse no Centro Social ou chamando ao 981 50 57 06.