Varios medios de comunicación nacionais dan hoxe por seguro que a petición de Altri de 30 millóns de euros en axudas para descarbonización será desestimada

Altri e ENCE poderían quedar fora das axudas que solicitaron para as plantas de Palas de Rei e As Pontes. As axudas estaban vinculadas aos fondos europeos asociados ao PERTE de descarbonización
A nova publícase hoxe en distintos medios dixitais. O primeiro en facelo foi Eldiario.es e despois a nova foi confirmada por outros xornais coas súas propias fontes. Pero o que a fai máis crible a nova e que a Vicepresidenta Segunda e Ministra de Trabajo y Economía Social, Yolanda Díaz, a da por boa na súa conta de Bluesky. Mesmo a cadea pública RTVE o publica citando axencias de novas.

Altri tería solicitado 30 millóns de euros vinculados a ese PERTE. Desde a compañía insistiuse en distintas ocasións en que sen fondos europeos o proxecto non era viable. En calquera caso a empresa ten solicitados por outras vías 200 millóns de euros para a planta de Palas.
Esta nova, que podería oficializarse nos próximos días, afecta tamén aos posibles apoios económicos da Xunta de Galicia que puxo como condición que o 25% do capital fora de fondos públicos. Esta petición supón para Altri conseguir 250 millóns de euros dos mil previstos.
