Compostela, 23 de febreiro do 2022 – O Entroido de Compostela era presentada este martes no concello de Santiago, sen desfile polas rúas pero co Meco no balcón de Bendaña.
O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, foi o encargadao de avanzar a programación de Entroido da cidade. A primeira cita este sábado cando o Meco suba ao Pazo de Bendaña para presidir a festa ata o 2 de marzo, cando será queimado na praza Roxa. Unha actividade a que se acudirá de riguroso loito.
Muiños explicou a suspensión de actividades como o desfile ou o baile de nenos na Sala Capitol, habituais antes da pandemia, dicindo que “se ben é certo que actualmente as cifras da sexta vaga xa foron descendendo, no momento no que tivemos que tomar a decisión, estabamos no peor da mesmo. Falouse con algunhas das asociacións que soen participar, que nos indicaron que non tiñan nada preparado e non o ían facer por mor da incerteza reinante nese momento”.
Programa
A subida o Meco este sábado, a partir das oito da tarde, estará acompañada do pregón a cargo de Virus e Vacina (Lucho Penabade e Mónica García).
Ese mesmo sábado, pero pola mañá, terá lugar no Espazo Apego do Ensanche un obradoiro impartido pola Asociación Semente Compostela na que os máis pequenos poderán aprender a facer o seu propio chapeu de Xenerala. A actividade, que está pensada para crianzas de 3 a 8 anos, é de balde pero necesita de inscrición previa en delingua.santiagodecompostela.gal.
Tamén ás 18.30 h a Agrupación folclórica Colexiata de Sar pecorrerá as rúas de Santiago dende a praza Roxa ata a praza de Cervantes amenizando á veciñanza con músicas e cantares da comarca compostelá. Os pasarrúas continuarán o domingo o luns e o martes.
O domingo 27 a festa correrá a cargo de Os Conformistas de Conxo, que entre as 10.30 e as 15:00 h se deixarán ver e escoitar por Conxo, o Ensanche e a zona vella.
O mesmo día ás 12:00 h, os Títeres Cachirulo levarán “As Xeneralas da Ulla” á praza do Toural e a esa mesma hora terá lugar unha actuación de rúa a cargo de Latexo Percusión na praza Roxa e na Alameda. Ás 12.30 h o casco histórico recibirá a visita dos entroidos de Vilariño de Conso e de Santiago de Arriba (Chantada).
Xa pola tarde, ás 17.30 h, a parroquia do Eixo acollerá o desfile dos xenerais da Ulla e máis o coro de bonito, que rematará nos atranques dos correos e xenerais ás 19.00 h no Campo de Santa Lucía. Previamente, ás 6 da tarde, será o turno da Mekánika Rolling Band, que estará acompañada pola Asociación A Ruliña.
O luns terá lugar a actuación da charanga BB+ no Casco Histórico a partir das 6 da tarde, e o martes, da charanga OT e da comparsa Armatroulas de Laraño. Ás 19:00 h, Cantigas e Agarimos animará a rúa de Muros e Noia e a rúa Costa da Morte cos Bailes no Entroido.
O punto final a estas festas terá lugar o mércores 2 de marzo coa Queima do Meco, como sempre, na praza Roxa ás 9 de noite. Antes, o cortexo fúnebre acompañarao dende o Pazo de Bendaña, iso si, de rigoroso loito.
Actividades nos Centros Socioculturais
O programa complétase coas actividades de Entroido que preparan os Centros Socioculturais e cunha última xornada festiva o día 5, o sábado de piñata. Ás 12:00 h terá lugar o atranque das xeneraliñas: as crianzas ataviadas como Xenerais da Ulla, cos seus cabaliños de pau percorrerán o casco vello dende Santa Clara ata a praza de Cervantes cun desafío rimado. Acompañará a comitiva a Choqueira.
Tamén ás 12:00 h pero en Conxo, as comparsas do barrio botarán regueifas e coplas na praza de Aurelio Aguirre, con entrega de premios aos mellores disfraces de sombreiros, concurso de filloas e orellas.
Por último, ás 19:00 da tarde poderase desfrutar dos entroidos rurais en Compostela, neste caso a cargo do Grupo de Baile e Música tradicional Brincadeira.