Compostela, 13 de novembro do 2020 – Volve a campaña Compostela en Negro contra a Violencia que este ano repartirá 4.500 máscaras con lemas nas farmacias da cidade.
A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, foi a encargada de presentar a campaña acompañada da deseñadora, Uqui Permuy, e da coordinadora da mesma no rural, Cruz Dafonte. Esta acción enmárcase nas previstas para conmemorar o 25 de novembro “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”.
Mercedes Rosón dixo que “nun ano triste, gris, marcado polas consecuencias sanitarias e socioeconómicas dunha terrible pandemia que afecta a todo o planeta, as mulleres seguen a ser as máis afectadas porque a Covid-19 está sementando, se cabe, máis desigualdade, o que nos obriga a intervir e ser máis proactivas que nunca”.
En colaboración co Colexio de Farmacéuticos da Coruña, levarase a cabo o reparto de aproximadamente 4.500 máscaras, por parte das farmacias de Santiago, do 23 ao 25 de novembro, con logotipos como “Compostela en negro Contra as Violencias”, ou “Loito contra o machismo”. Tamén se distribuirán outras mil entre colectivos de mulleres e colectivos LGTBI.
En Negro dende a Casa
#EnNegroDendeACasa. É o cancelo dun traballo de sensibilización no que colabora o Colexio de Psicoloxía de Galicia e o Colexio de Traballo Social, e que se desenvolverá a través dunha microweb, con historias inspiradas en postais, nun momento onde a pandemia obriga a gardar as distancias sociais. Un traballo de concienciación en redes, que inciden na idea “Contra a cultura da violencia, a cultura do coidado”.
Unha cinta negra
A gravacion dunha video-performance, na que participa a artista Mónica Mura, para rodear, de forma simbólica, a cidade cunha cinta negra; no que segundo explicou Uqui Permuy, é “unha campaña de loito contra as violencias machistas” A cinta, de medio metro de ancho por 30 de longo, irá rodeando, simbólicamente, as casas da cidade vella, a zona nova e os barrios.
A visión dos homes
A difusión, en diferentes espazos da cidade e nos Centros Socioculturais do rural, dunha peza audiovisual que se está realizando e na que diferentes homes plantexan a súa visión das violencias. Cruz Dafonte explicaba que lle impactou o que se di nun dos videos, de que “xa non vale ir pasiño a pasiño, hai que dar brincos, porque o cambio cara a corresponsabilidade e cara o reparto dos coidados ten que vir dunha reflexión interna por parte dos homes”. Esta gravación difundirase tamén a través das redes sociais.
A maiores está previsto ler un manifesto, o mesmo 25 de novembro, entre todos os grupos da corporación municipal.
Datos que estremecen
Mercedes Rosón referiuse aos datos estatísticos publicados polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial; sinalando que “durante o primeiro semestre de 2020, as denuncias por violencia machista reducironse. Pero isto foi só un espellismo. Porque a partir de xuño, co desconfinamento, os profesionais que traballan con mulleres en situación de violencia de xénero perciben un aumento das demandas de atención por parte das vítimas, o que conleva, paralelamente, un aumento das denuncias por violencia machista”. A concelleira explicou que o confinamento “simplemente agochou e agravou a realidade e a vida das mulleres que sofren violencia machista. O descenso desas denuncias e solicitudes de atención especializada por situacións de malos tratos físicos ou psicolóxicos debeuse a que estaban baixo a ameaza constante dos seus agresores. Unha situación, na que debemos estar vixiantes, porque se pode recrudecer de novo nesta segunda vaga”, engadiu.
