Arzúa, 16 de abril do 2021 – O Departamento de Cultura de Arzúa organiza unha exposición de ilustracións da artista local María José Platas.
A exposición forma parte da programación de primavera do concello. Trátase dunha mostra de dezasete ilustracións para público infantil nas que se amosan traballos persoais que aínda non saíron á luz, proxectos para revistas e outras publicacións de María José Platas.
Entre outros traballos, forman parte desta colección unha lámina do conto ilustrado O soño da ra e outra titulada Xogando coa neve que foi publicada na revista especializada en ilustración Brightness.
A artista afincada en Arzúa iniciouse na ilustración no ano 2014 de forma autodidacta pero ampliando desde entón a súa formación en cursos presenciais e online. A técnica que emprega nos seus traballos é acuarela mesturada con técnica dixital.
A exposición pode visitarse desde hoxe ata o 30 de abril na Biblioteca Pública Rosalía de Castro, de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 e os sábados de 10:00 a 13:00h.
A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, anima “a toda a veciñanza a achegarse á biblioteca a desfrutar desta mostra que amosa un traballo exquisito, moitas veces descoñecido, por parte dunha veciña” e aproveitou a ocasión para “agradecerlle unha vez máis a súa colaboración neste tipo de actos”.