Compostela, 16/09/2026 – este martes presentábase outro dos festivais clásicos da cidade, o Maré. Un encontro multicultural no que a música protagoniza os eventos e as actividades durante cinco días.
Esta edición do festival, do 23 ao 27 de setembro, reunirá máis de 30 propostas procedentes de 16 países e 16 linguas, combinando grandes nomes internacionais, producións singulares do festival, concertos, encontros e actividades arredor da creación musical contemporánea.
O Festival Maré. Músicas e Artes Atlánticas contou para a presentación con Vítor Belho, director de Nordesía; Faia Díaz, cantante; Miriam Louzao, concelleira de Capitalidade Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela; Valentín García, secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia; Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027, e Alejandro Vargas, pianista.
Durante a súa intervención, a concelleira Míriam Louzao salientou que “Compostela será unha vez máis parte relevante do festival como escenario vivo, porque serán moitos os espazos nos que se poderá gozar das propostas”, con toda a cidade chea “de músicas chegadas de todo o mundo”.

Unha programación xeral que conecta continentes
A programación articúlase en tres grandes ámbitos: a programación xeral do festival, o Maré Club e o Maré Lab, tres espazos complementarios que permiten atender tanto á experiencia do público como ao encontro entre artistas, profesionais e axentes culturais.
Entre os grandes nomes desta edición destaca Aterciopelados, unha das formacións fundamentais do rock latinoamericano, que abrirá a programación o 23 de setembro na Sala Capitol.
Tamén forman parte do cartel Haydée Milanés & Javier Colina, que presentarán no Teatro Principal o seu diálogo arredor da canción cubana; Omar Souleyman, referente internacional do dabke electrónico; e Magalí Sare, que estará acompañada polo coro de cámara compostelán Vox Stellae nunha proposta especial arredor do seu proxecto Descasada, vol. 1.
A edición contará tamén coa presenza da británica ALA.NI, da brasileira Bia Ferreira, de Marcos Coll, Camille & Matthieu Saglio, Josyara, Jupiter & Okwess, Trilitrate, Faia, Expresso Transatlántico e outras propostas procedentes de diferentes territorios e tradicións.
Dentro desta programación terá un lugar destacado Maré Recomenda, que este ano pon o foco no músico portugués António Zambujo, unha das voces máis recoñecidas da música popular e do fado contemporáneo de Portugal. O concerto terá lugar o 26 de setembro no Auditorio de Galicia.
Outro dos momentos centrais será Cuba canta en Maré, unha produción propia que reunirá o sábado 26 na Sala Capitol diferentes voces e sensibilidades da música cubana e da súa diáspora en Galicia.
O proxecto estará encabezado por Alejandro Vargas Trío e Reynier Aldana, aos que se sumarán artistas convidadas e convidados como Lindiana Murphy, Frank Delgado, David Álvarez, Loidis Taboada, Wöyza e Rafael Briseño. Unha noite que percorrerá o son cubano, o jazz e a salsa desde a experiencia da diáspora cubana en Galicia.
A programación completarase o domingo cunha nova produción, Misa «El Bosque Negro», protagonizada por Alejandro Vargas e Gino Sitson, que levará á Igrexa da Universidade un diálogo musical entre África e América.
Maré Club: a música continúa cando cae a noite
O Maré Club amplía a experiencia do festival máis alá dos grandes escenarios e achega a programación a diferentes salas e espazos de Compostela, apostando por formatos máis próximos e pola convivencia entre artistas locais, estatais e internacionais.
Durante os cinco días do festival, salas como Casa das Crechas e Riquela, entre outras, acollerán concertos e sesións que completan o programa principal e permiten descubrir novas propostas nun contexto máis íntimo e nocturno.
Deste xeito, o Maré Club funciona como unha extensión natural do festival: un espazo para continuar a conversa, descubrir outras músicas e favorecer o encontro entre públicos e artistas.
Maré Lab: un espazo para crear, compartir e pensar
A programación do Maré Lab reforza unha das principais características do festival: a vontade de ser tamén un espazo de creación, intercambio e reflexión arredor das músicas e das culturas contemporáneas.
O Maré Lab incorpora encontros, experiencias, procesos de creación e actividades vinculadas ao diálogo entre artistas e comunidades, favorecendo a colaboración e o intercambio de coñecementos. A través deste programa, o festival afonda na súa vocación de laboratorio e de punto de conexión entre creadoras e creadores procedentes de diferentes territorios.
Nesta edición, esta dimensión estará especialmente ligada ás producións propias do Maré, ás colaboracións entre artistas de diferentes procedencias e ás propostas que exploran novas formas de relación entre tradición e contemporaneidade. Entre elas destacan os proxectos Cuba canta en Maré, Misa «El Bosque Negro» e De Zemambiquo a Zigala, colaboración entre o músico mozambicano Cheny Wa Gune e A Pedreira que funcionará como peche desta edición.
Día Europeo das Linguas
O sábado 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas, Maré propón unha xornada que exemplifica a súa vontade de poñer en diálogo Galicia con outras culturas, linguas e tradicións musicais.
A creación galega terá unha presenza destacada a través de tres propostas: Trilitrate, Lideira e Faia, que achegan ao festival diferentes aproximacións á música galega contemporánea, desde a experimentación e a mestura de linguaxes ata a revisión da tradición e da música de raíz.
Xunto a elas, a programación do día contará con figuras e formacións internacionais como António Zambujo, ALA.NI, Shooglenifty e Jupiter & Okwess, e culminará con Cuba canta en Maré, un encontro arredor da música cubana e das súas conexións coa diáspora, que reunirá no escenario da Sala Capitol diferentes voces e sensibilidades. Unha xornada, en definitiva, que fai da diversidade lingüística e cultural o fío condutor dunha programación aberta ao intercambio entre territorios.
