Compostela, 19/05/2026 – A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago organizan o concerto “As rúas do vento ceibe”. Unha proposta musical de grande formato que toma o nome dun libro do poeta Manuel María e que musicará poemas do escritor de Outeiro de Rei así como de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.
O proxecto, impulsado pola Fundación Manuel María, encargou ao compositor Xosé Carlos Seráns Olveira a creación musical a partir dos poemas d’As rúas do vento ceibe. A iniciativa acabou configurando un repertorio de trece pezas, das cales once están baseadas en textos de Manuel María e as dúas restantes en versos de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.
Na presentación, no Pazo de Raxoi, participaron a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; a presidenta da Asociación Cultural Solfa, Lucía Carreira; e o presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro.
Natividade González destacou o carácter especial da proposta e asegurou que «o concerto nace como unha homenaxe moi emocionante á nosa literatura, á nosa música e, sobre todo, á nosa identidade como país».
A deputada sinalou tamén que hai proxectos culturais que van máis alá da programación habitual e afirmou que «hai proxectos que son simplemente programación cultural e hai outros, coma este, que teñen algo máis: memoria, emoción e, sobre todo, significado colectivo. Este é un deles».
A responsábel provincial de Cultura explicou ademais que a iniciativa «propón un diálogo fermoso entre as palabras, a música e tres voces fundamentais da nosa literatura: Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María», ao tempo que puxo en valor a composición musical creada por Xosé Carlos Seráns Olveira, «capaz de levar eses versos a outro lugar, ampliando a súa emoción e a súa forza».
Concerto o vindeiro 30 de maio
O concerto celebrarase o sábado 30 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, dentro da programación do Día das Letras Galegas.
A interpretación musical correrá a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, coa participación da mezzosoprano Julia Portela Piñón, e dun coro mixto integrado polo Coro de Cámara Thalassa de Marín, o Coro do Hospital de Lugo, o Coro Liceo de Vilagarcía, o Coro Solfa de Compostela e a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Participará tamén un coro xuvenil conformado polo IES A Xunqueira de Pontevedra, Voces da Terra Chá de Lugo e o Peque Coro in crescendo do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol. A dirección musical será de David Fiuza.
Esta proposta cultural é unha iniciativa da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, a Asociación Cultural e Musical Solfa, Amigos da Ópera de Compostela e a Casa-Museo Manuel María.
