A menos de sete días de celebrarse a cerimonia dos premios Oscar 2018, Mandingo vai a fume de carozo entrando e saíndo nos cinemas coma galiña sen cabeza, batendo coas butacas, perdendo os seus chapeus e esquecendo os paraugas, pero da todo por bo se é coa esperanza de levar o seu predicamento onde ninguén chegou xamais.
A proposta de hoxe, para os nosos sufridos lectores, é un primeiro lixeiro pero saboroso prato indie para rematar cunha contundente -a fartar- serie de ciencia ficción.
Nomeada a cinco alopécicas figuras douradas (Filme, Directora, Actriz Principal, Actriz Secundaria e Guión Orixinal), LADY BIRD (2017) é a primeira “longa” que asina a tamén guionista, Greta Gerwig. Filme case que autobiográfico da xuventude sufrida pola directora na cidade de Sacramento a comezos do século XXI.
Christine, é unha rapaza cunhas inquedanzas culturais afastadas da masa poboacional coa que convive. Ten o anhelo de poder estudar na costa Este dos EE.UU. en calquera das mellores e máis prestixiosas universidades da “cidade que nunca durme”. O problema é que o seu expediente académico deixa moito que desexar (considérase moito mellor alumna do que é na realidade) e a economía da súa familia non da para semellante inversión.
Eses dous graves atrancos non impiden a súa teimosía de querer ir a esa soñada e mística Babilonia intelectual e artística que é a cidade de Nova Iorque ao custo que faga falla, aínda que para conseguilo teña que poñer patas arriba a súa convivencia coa familia e coas súas amizades.
Para subliñar a súa singularidade fronte ós demais faise chamar Lady Bird, coma se dun tratamento de honra tratárase, para poder afastar todo o nocivo e fedorento que rodéalle no seu día a día. É unha moza egoísta, coa testa nas nubes, incapaz de ver os problemas reais aos que se enfróntan os seus país e sen querer asumir as súas propias responsabilidades.
Unha xoíña vaia.
Pero non é mala persoa. So é unha adolescente que intenta atopar o seu sitio no mundo da maneira máis rápida e directa posible. Non pode agardar ningún segundo. Todo ten que ser feito para onte. Moito carácter que ten (outros dirían ausencia de boas maneiras). E claro, bate de fronte coa súa nai que non sabe cómo axudar a esa bomba emocional. Tremendas as discusións que teñen, observadas por un pai nimio e pasivo.
Sen dúbida atopámonos cunha película de “actores”. O forte do filme son as interpretacións e vexo con moitas opcións de levalo premio para a actriz Laurie Metcalf, unha desas grandes e descoñecidas secundarias cunha carreira lonxeva e que sempre ofrece uns rexistros admirables. Moitos a lembraredes por ser a irmán pequena na ficción, da serie dos oitenta ROSEANNE (1988-1997), onde tamén destapouse coma unha grande persoalidade das táboas o excelso actor John Goodman.
Ó respecto da actriz principal, Saoirse Ronan, que descubrímola no Vello Continente con esa proposta elegantemente decadente que era o BYZANTIUM (2012) de Neil Jordan –filme a recuperar, meus queridos drugos- dicir que está a converterse na musa dos “indies”. Posuidora dun grande talento de voz non sería descabelado darlle o favoritismo da crítica, pero coido que Frances McDormand vai levalo premio este ano. Onde vexo que poida “rascar” algo máis é no guión orixinal e coma sorpresa maiúscula o de mellor directora (grazas a suma da valía da cineasta e da forte corrente que vai hoxendía no Hollywood actual que pretende, con bo tino, esnaquizar todo esa porcallenta tradición machista de non recoñecer e apoiar o talento feminino). Non penso que gañe o premio da mellor película, mais que nada por que dous anos seguidos concedendo “o gordo” a unha produción independente pode ser excesivo para a industria cinematográfica estadounidense.
E xa que sacámolo tema, mencionar que a directora recoñece coma unha notable influenza o filme de Barry Jenkins na súa obra. Non é MOONLIGHT (2016), afortunadamente para Gerwig, mellor filme que LADY BIRD, pero o ano pasado os “haters” de LA LA LAND (2016) de Chazelle, sumaron esforzos para evitar que gañara o máximo recoñecemento. Inxusto a todas luces, pero é o que teñen as votacións. As veces acertan e escollen a persoas de pel negra e outras veces sae elixida xente coa pel de cor laranxa.
O filme vese e disfrútase grazas o perfecto encaixe que fan a montaxe dun novel Nick Houy -autor da edición da formidable serie THE NIGHT OF (2016)-, a imperceptible e discreta fotografía de Sam Levy, acorde ó ritmo do filme, e a música case silente que camiña e pasa no bico dos pés de Jon Brion, compositor que lembramos nas memorables MAGNOLIA (1999) e PUNCH DRUNK LOVE (2002), do noso admirado Paul Thomas Anderson.
Unha boa película, sen dúbida, pero non a mellor deste ano.
E agora, vouvos deixar co meu lado mais nerd para que vos conte as impresións que levou tralo visionado da nova serie da franquicia STAR TREK.
A primeira tempada de DISCOVERY, emitida en dúas tandas ó longo do ano pasado e comezos deste é unha das mellores que endexamais produciu a CBS, dona dos dereitos televisivos.
A creación conxunta de Bryan Fuller –guionista e productor das anteriores S.T. VOYAGER (2000) e S.T. DEEP SPACE NINE (1997)- e Alex Kurtzman, responsable de produtos que non destacan polas súas calidades argumentais pero que si teñen un sobresaínte traballo de produción coma o STAR TREK de 2009 ou ENDER´S GAME (2013), da coma resultado unha formidable conxunción astral.
Despois de remátalo o derradeiro capítulo, collemos folgos e lamentamos non ter unha máquina do tempo (ónde gardaría Rod Taylor a súa?) que nos leve no futuro ó minuto 1´ do primeiro episodio da segunda tempada, xa que tal é a conmoción levada polo magnífico colofón da serie.
Así, tal cual, comezando a casa polo tellado.
Poñamos un pouco de orde.
A historia comeza, na cronoloxía da Frota Estelar, dez anos antes da serie orixinal rodada xa vai ¡52 anos!. A humana Michael Burnham é a filla adoptiva do embaixador Sarek, e dicir… ¡a irmán de Spock! (quedos, rapaces; que polo de agora non sae…). Cunha excelsa educación vulcaniana está moi por encima das habilidades dos terráqueos correntes (algo así coma a crianza e tutela que tivo Aragorn no Rivendel do Elrond). Deseguida destaca pola súa competencia e aptitudes. Por desgraza acontece un infortunio e cúlpana a ela. A única saída que ten é aceptala oferta do Capitán Gabriel Lorca e colaborar, fora dos rexistros oficias, na loita contra os klingon.
Cando pensábamos que xa estaba todo visto no universo STAR TREK e que non podían ofrecernos máis novidades argumentais, pois vai e resulta que non. Que existe moita máis vida neste territorio inexplorado (e outros inimaxinables; os que viron a serie xa saben por ónde van os tiros…).
Destaco a importancia na historia que se lle da por igual á perspectiva humana e á klingon (pódese vela serie coas lendas na lingua klingon –sí, non estou de broma, e de seguro que Sheldon Cooper non é o único que a verá así-) , e que ten coma guinda unhas coidadas caracterizacións e deseños –de aprauso ensordecedor para Matt Middleton, responsable da excepcional arte na serie THE EXPANSE (2017)-, tanto de persoaxes coma de vestiario –bo traballo de Gersha Phillips, MILES AHEAD (2015)- e decorados feitos por Peter Nicolakakos –algo do seu EXISTENZ (1999) apréciase aquí-.
Moito traballo hai detrás das motivacións dos nosos personaxes. Especial admiración por Gabriel Lorca –inquedanza prodúcenos o actor Jason Isaacs; semella encantado neses roles que fan equilibrios morais como o seu Doctor Hunter na excepcional THE OA (2016)-, o primeiro Capitán indigno da Frota Estelar?. Están nunha guerra que poden perder. ¿Pode valer todo con tal de non caeres derrotados?.
Descubrirémolo na metade da serie. E vaia xiro que da!. De quedar coa boca aberta coma paspáns. Se a primeira tanda de capítulos era notable no seu ritmo e na trama principal, no segundo envite quedamos abraiados pola resultado final que deu a suma de tódalas causalidades magnificamente ganduxadas dende o primeiro segundo ata o memorable fin (aínda que a serie inicialmente remataba no antepenúltimo capítulo).
Entusiasmará o trekkie que levas dentro. Seguro.
E se non es dos que fan o saúdo vulcano, gustarache coma serio e traballado produto televisivo. Semella que vai máis respecto polo fandom máis fiel da man da CBS, que nas producións cinematográficas perpetradas por ese trileiro que é J.J. Abrams, co consentemento cómplice da Paramount, claro.
Disfrutádea, merece a pena.
E para os próximos días, se ningunha invasión alieníxena o evita, sospeito que imos ter unha proposta relacionada cos Oscar de este ano. Estade moi atentos a LINDEIROS, que algo estamos a argallar para vos, queridos lectores.