As primeiras producións televisivas do ano, caen xa no zurrón de Mandingo. Duas miniseries, tan dispares como curiosas, pero cunhas propostas estéticas ben afastadas unha da outra. A ver que vos parece o que conta o noso chafardero indómito.
Antonte, os Reis Magos da República de MoitoContoTes, trouxéronme como regalo unha serie que levaba, practicamente desde a súa emisión a mediados de 2016, con moito desexo de ver. THE NIGHT OF é unha miniserie aclamada pola crítica especializada e polo público en xeral. Ata non fai moito, proceder ao visionado dunha serie da compañía HBO garantía o mellor selo de calidade en calquera dos seus apartados, tanto técnicos como artísticos. Os seus produtores, sabedores de tal recoñecemento acuñaron o slogan “Non é televisión, é HBO”, como sinal diferenciador co resto de producións televisivas da competencia. A irrupción de novas plataformas dixitais cunhas propostas argumentais moi agresivas, como NETFLIX e apoiadas con orzamentos cada vez máis colosais (para o medio no que se moven) como a xa citada ou AMAZON e proximamente a división por cable da DISNEY, comezaban a eclipsar o brillo único da canle que pariu obras mestras como THE WIRE (2002-2008) de David Simon ou THE SOPRANO (1999-2007) de David Chase.
HBO sempre acertaba nas calidades argumentais e cando de cando en cando non era así, saíalle unha bomba de audiencia colosal como a mediocre TRUE BLOOD (2008-2014) de Alan Ball ou esa fruslería bañada en pirita titulada WESTWORLD (2016) do Jonathan Nolan. Pero con THE NIGHT OF, retorna a mellor HBO imaxinable. Podemos afirmar, sen medo á esaxeración, que a serie de Steven Zaillan e Richard Price sitúase no top ten das mellores producións feitas pola compañía con sede na cidade que nunca dorme, e propiedade de Time Warner.
A historia escrita por Zaillan (un dos mellores escritores da súa xeración, con guións como SCHINDLER´ S LIST, MONEYBALL, AMERICAN GANGSTER, GANGS OF NEW YORK ou a esperadísima nova película de Scorsese THE IRISHMAN, en exclusiva para NETFLIX) xunto a Richard Price (autor insigne de libretos da importancia de THE COR OF THE MONEY, CLOCKERS ou THE WIRE) ten un nivel que raia na matrícula de honra.
Nasir, é un estudante universitario, responsable, educado, respectuoso cos seus país. Un bo rapaz, en resumo, que fai unha trastada de nenos sen consecuencias, supostamente, graves. Coñece a unha fermosa rapaza. Proba substancias que non está afeito inxerir e experimenta emocións que nin nos seus máis audaces soños sospeitaría vivir. Pero as cousas vanse revirar de tal maneira que a noite que pasa Paul Hackett no AFTER HOURS (1985) de Scorsese é un doce paseo comparado coa traxedia do noso protagonista.
Aínda que dentro dos subxéneros de investigacións policiacas, dramas familiares ou suspenses carcelarios non queda moito xa por inventar, a descrición dos feitos, a narración dos acontecementos o desenvolvemento dos personaxes, todo iso e moito máis está coordinado dunha maneira exemplar. Certo é que a parte do confinamento é menos atractiva e que non mantén o fol (debido entre outras cousas, ao límite do espazo físico para que pasen segundo que cousas e na pouca crible deriva do personaxe), pero recuperamos o alento fóra dos barrotes, nesas rúas que non saen na postal “da cidade máis turística”, cun magnífico deseño na produción de Lester Cohen, que xa retratara de forma tan fría a Nova York do COP LAND (1997) de James Mangold. Pero a serie onde consegue o máximo nivel é na sutil, delicada e detallista dirección do propio Zaillan e nas excepcionais luminosidades conseguidas tanto por Frederick Elmes (responsable de foto nas “ Lyncherianas” ERASERHEAD (1977), BLUE VELVET (1986) ou WILD HEART (1990); e aínda por riba, en traballos como a excepcional NIGHT ON EARTH (1991) do meu admirado Jarmusch) como por Robert Elswit, tremendo creador de abraiantes atmosferas en filmes como a sorprendente MICHAEL CLAYTON (2007) de Tony Gilroy, a inquietante NIGHTCRAWLER (2014) de Dan Gilroy ( si, perspicaz lector: Tony e Dan son irmáns) ou a superlativa THERE WILL BE BLOOD (2007) de Paul Thomas Anderson.
Para reforzar todo este empaquetado, a música é apenas imperceptible. Non silenciosa, non. Está continua, pero discretamente nun segundo plano. Como subliminalmente. “Marca da casa” de Jeff Russo ( FARGO ,2014-2017). Indo da man dunha montaxe, que non renuncia ao formato televisivo do que é debedora, pero que magnifica e amplifica eses planos directos e próximos. Gran traballo de Jay Cassidy, home de cinema ( FURY, INTO THE WILD…) e de Nick Houy cunha sólida base en series televisivas. Serie cun coidado especial en mostrarnos a cidade como un suxeito máis. Como un ente vivo, no que encaixan seres que agachan secretos. Vítimas do “lume amigo”. Corpos baleiros por culpa dos danos colaterais. Xente que ten que facer “o que ten que facer”, polo libro sen saír do manual. E por encima de todos a interpretación de Amara Karan no encontro co tanatopractor, crédula contención interpretativa de chegar mesmo a morder as uñas… dos pés.
Non é un 10 sobre 10, pero chega con folgura ao 8´75 rozando ao 9.
Na outra beira da ría, esa que cheira de tanto vertedura de tanta celulosa, atopamos GODLESS (2017). Serie estreada fai ben pouco nunha plataforma dixital, cun despregamento de medios coma se dunha megaproducción hollywoodiense tratásese. Precedida por moi boas críticas, conta a historia de Frank Griffin, líder dunha banda de cuatreiros que persegue a, o seu outrora lugartenente , Roy Goode por todo o territorio de Nova México no último terzo do século XIX. Griffin, arrasa con todos aqueles que dean acubillo ao fuxido, sen importarlle masacrar vilas enteiras. Na súa caza, van dous shériffs con máis valor que apoios reais. Esta miniserie é un proxecto persoal do guionista Scott Frank, que asume a dirección total. É mellor escritor que cineasta e iso nótase pesadamente en demasiados intres. Decepcionoume bastante. Demasiada pretenciosidade á hora de rodar segundo que planos (non dubidamos do fermoso da paisaxe para filmar), pero é excesiva a insistencia en
remarcar o marco incomparable de beleza, que diría o cursi. Na parte de mérito, o concienzudo estudo dos personaxes, roles moi ben traballados para unha historia que pretende homenaxear o western máis innovador (para a época) como fora SHANE (1953) de George Stevens ou a máis próxima e crepuscular UNFORGIVEN (1992) de Clint Eastwood, por poñer só dous dos moitos exemplos que veñen ao meu recordo tras finalizar a serie.
Nótase en exceso (e isto dígoo como demérito) a produción televisiva. Se THE NIGHT OF é un produto que ennobrece o formato da pequena pantalla, GODLESS convértese nun malgasto de tempo e ideas. A montaxe do asalto final ao hotel de La Belle, roza o ridículo para o tremendo potencial que tiña. Non mellora, non xa a mítica DEADWOOD (2004-2006) de David Milch, senón que nin se achega á boa, aínda que sobria, HATFIELDS & McCOYS de Kevin Reynolds. Gustará aos incondicionais do western menos tradicional en particular, pero non deixa pouso para ler boas noticias.
Howgh, tomahawk!.