Coma primeiro envite das xornadas que imos pasar nos EE.UU. falaremos de tres filmes ben diferentes entre si. A revisión tan súa que fai do western Jacques Audiard en The Sisters Brothers; a feliz incursión no xénero da alta política que asina o talentoso Jason Reitman e coma repaso das candidatas aos Oscar, a pequena-grande historia de amor dos propios pais do cineasta Pawel Pawlikowski. Imos ao detalle.
O francés Audiard, responsable daquela orixinal xoia titulada A PROPHET (2009), asina o primeiro filme na fala do Bardo Inmortal que roda un galo. E para a ocasión adapta a novela homónima de Patrick deWitt, THE SISTERS BROTHERS, historia de dous irmáns que cabalgan no 1815 por Oregon e California, sendo testemuñas da febre do ouro na rexión, mentres fan as labores que encoméndalle O Comodoro, rol imposible de definir polo actor Rutger Hauer, dada a pouca metraxe rescatada na sala de montaxe. Quizás o único “pero” que poidamos poñer ao filme.
Confeso que tiña moitas gañas de velo filme que polo de agora non ten data de estrea no Estado español e xa vos adianto que satisfixo dabondo, as expectativas que tiña depositadas nel. Dentro do xénero do western, van moitos meandros temáticos. Dende a apoloxía épica gozada na mítica THE GENERAL (1926) do mestre Keaton, pasando á precursora da crónica crepuscular na THE SEARCHERS (1956) do mestre de mestres Ford, seguindo o que semellaba peche do xénero na memorable THE WILD BUNCH (1969) do irrepetible Peckinpah; ata o rexurdimento feliz que Kasdan levou na súa SILVERADO (1985) -e sobre todo na formidable WYATT EARP (1994)- e que Kevin Costner aproveitou no exceso coa sinxela DANCING WITH WOLVES (1990).
Audiard propón unha marcada estética preciosista de grandes panorámicas que conxuga co tenebrismo dos interiores, iluminados cunha laboriosa precisión de moito mérito polo insospeitado Benoît Debie que de longo (pero por moito) asina o seu mellor traballo ata a data. Sorprendeume descubrir co filme foi rodado principalmente na España desértica e na colosal natureza da Romanía máis salvaxe. ¡Chapeau!; pola elección dos paraxes e polo exquisito deseño na produción do sempre notable Michel Barthélémy que resaltan nas delicadas sonoridades que case sempre consegue compoñer Alexandre Desplat.
Os irmáns Sisters son dous sicarios que van na procura dun científico posuidor dunha fórmula que supostamente ten a alquimia precisa coma se dunha pedra filosofal se tratara. O irmán maior, Eli, que a pesares do seu oficio ten bo corazón vai farto de tantas correrías e desexa sentala testa, mentres que Charlie, un xoguete roto dende cativo, é unha cabra tola sen posibilidade de remisión… ou non.
O certo é que vexo a feliz influencia dos galos Asterix e Obélix coma trasuntos desatinados nesta parella de irmáns, que saen sempre coa fortuna do seu carón nas lerias nas que caen cada dous por tres. Non aforro eloxios para esta longametraxe que acerta de cheo na súa proposta única de mostrar un Oeste que transmuta do seu salvaxismo cara outro máis civilizado. Non vai xente atropelada polo progreso coma na fermosa THE BALLAD OF CABLE HOGUE (1970), pero case case.
Cando sexa a estrea no Estado, de seguro que dende o Xornal Lindeiros faremos especial aviso para que vaiades gozar na grande pantalla desta magnífica película, que durante toda a metraxe sorprendeume polas solucións aportadas na historia dos protagonistas, cun epílogo filmado nunha única toma, que non agardaba pero que convenceume. Non vos arrepentiredes de vela.
E deixamos o cheiro a pólvora e a bosta de cabalo de comezos do Século XIX para ir ata 1988 e lembrala irrepetible oportunidade que tivo os EE.UU. de ter un presidente cunha adiantada visión de futuro (cunhas propostas excepcionais na Educación, Sanidade, Medioambente e Tecnoloxía) que levaría polo máximo progreso a nación que polo de agora segue a ser Imperio no planeta. Falamos da “grande esperanza branca” que o Partido Demócrata tiña posta na figura de Gary Hart, senador chamado a retomalo ímpeto optimista que liderara JFK e co reaganismo máis nocivo mudou pola carreira no armamento máis disparatada.
¿Por que un cineasta da calidade de Jason Reitman (de 41 anos), que seguro ten moitos proxectos na súa mesa de traballo, métese nun proxecto que conta unha historia dun home que puido reinar pero que quedou no esquecemento máis absoluto coma se fora un faraón caído na desgraza?.
O que narran no filme non só é o que puido ser, senón tamén as terribles consecuencias que derivaron da esquilma lapidaria que non quixo ver o senador Hart, ata que xa foi moi tarde. O filme na primeira lectura denuncia esa prensa que remexe no lixo con ledicia, que goza de emporcar a vida de terceiros coma vítimas colaterais, pero na súa profundidade é un triunfo total na denuncia de depredadores misántropos, sen ética nin moral. Moi superior coma carga de profundidade que esperta conciencias aletargadas co visto na VICE (2018) de McKay, filme que sospeitamos levara inmerecidos máximos honores nos Oscar deste ano.
Reitman, que por idade colleu de refilón os sucesos do 88, adapta a novela de Matt Bai ALL THE TRUTH IS OUT e xunto ao escritor asinan o guión e aproveitan para deixar o mensaxe preciso da exixencia que dun grande poder comporta unha grande responsabilidade, nas actuacións tanto públicas coma privadas, coma ben recórdalle unha editora do Post ao xornalista que segue a campaña de Hart. E por suposto, ollamos cara a derradeira semana da campaña electoral de Donald Trump e as súas ignominiosas declaracións que reveláronse a 48 horas da xornada electoral. Esa é na realidade, a película que estanos a contar Reitman.
Doulle unha nota moi elevada pola intelixente e valente labazada que deulle a todos eses falcóns extremistas do seu pais e que fago miña para tirarlle as facianas dos indignos estadistas que coma voitres agardan sen disimulala súa cobiza o intre preciso para entrar coma esquilmadores nas finanzas do Estado, portando a bandeira da ignorancia e do odio coma única solución as cuestións políticas. Non merecen o meu voto. ¿E o voso?.
THE FRONT RUNNER conta moito máis do que semella. Vou engadir a Reitman na lista de directores estadounidenses que dende vai uns poucos anos vexo que están tentando mudar o seu cinema cara propostas argumentais de moito máis empaque social, coma xa fixeran os melenudos e barbudos cineastas da década dos Setenta. O cine coma entretemento, sí pero tamén coma unha responsabilidade de ser notarios da realidade que toca sufrir na actualidade.
Tédela na grande pantalla a partir de hoxe e non podo senón insistir no seu visionado. Gozaredes co traballo coral dos actores e das calidades na técnica (vai moito na senda da SPOTLIGHT (2015) de McCarthy ou da THE POST (2017) de Spielberg, non tanto nos argumentos pero sí no seu espírito) aínda que nesta produción o maior mérito foi filmala coa tecnoloxía que tiñan na década dos Oitenta, usando as cámaras e ópticas vintage e rodando cos 35 mm da Kodak pero cun aspect ratio de 1.85:1.
E para rematar por hoxe, un repaso as nomeadas ao Oscar que nesta ocasión leva o título da derradeira Palma de Ouro ao Mellor Director no Festival de Cannes, a polaca COLD WAR (ZIMNA WOJNA).
Ao igual que Cuarón coa súa ROMA, Pawlikowski leva una persoal historia de amor complicada ao máximo a través dos anos de xuventude e madurez da cantante Zula e o pianista Wiktor. Parella que coma polilla ao lume teñen unha inevitable atracción fatal, na que as barreiras dos países e das políticas da Europa traumatizada pola II G. M. xogan coma parte imposible de evitar nas vidas dos protagonistas.
Pawlikowski delega no seu director de fotografía, Lukasz Zal, a aposta na estética que tan bos resultados déralle na preciosista IDA (2013). É Zal un profesional con pretensións artísticas (moi respectable) que aínda que filma nos 35 mm, presenta un aspect ratio de 1.37:1 cunha cuestionable lóxica de utilidade real dos recursos (para iso mellor roda nos 16 mm). Para algúns queda moi ben esas ínfulas artísticas e outros non aturan esa pretenciosidade na imaxe. Persoalmente coido que perde moita información do campo visual aínda que na postprodución xogan coa vantaxe de movelo encadre dabondo. O filme está nomeado para Mellor Fotografía nos Oscar, pero sospeito que Robbie Ryan gañará o premio polo seu magnífico e arriscado traballo feito no filme THE FAVOURITE.
COLD WAR é un moi bo filme, pero que non mellora as sensacións que tivemos coa ROMA de Cuarón, película que tería que levar unha chea de alopécicas estatuíllas douradas, pero que sospeito terá que conformarse con moitas menos das que merece. Se tedes oportunidade de ver calquera dos tres filmes que hoxe traemos as vosas pantallas de ordenador ou doutros dispositivos móbiles, non dubidedes por que pagan moito a pena.
Máis nada por este venres. Vou ver se atopo o Axente Laranxa e doulle unha boa labazada de parte do meu amigo De Niro. Coidádevos e non deixedes de ir aos cinemas.