Por raro que semelle, Mandingo coméntanos unha única película para esta semana, L’insulte de Ziad Doueiri. Preguntándolle se a escasez na cantidade vai no beneficio da calidade, fainos unha estrana mueca sorrinte arqueando as cexas. Ignoramos se é por que o título acontece a pena ou por que lembrou ónde deixou as chaves do mini-bar. Saiamos de dúbidas…
O último filme do cineasta árabe-libanés Ziad Doueiri, L´INSULTE (2017), é unha desas singulares propostas que de cando en vez cáenos do ceo, coma refrescantes pingas de treboadas estivais. Cineasta que descubríramos na elegante e sutilmente sensual LILA DIT CA (2004) e que ten na poderosa THE ATTACK (2012) o seu mellor rexistro ata chegar a disfrutar do conflito entre dous homes de nacionalidades e crenzas antagónicas coma é o caso da produción de hoxe e que levou con moito mérito o recoñecemento no pasado Festival Cineuropa de Compostela.
Co-escrito á par coa (polo intre aínda a súa dona) guionista cristiano-libanesa Joelle Touma, o texto que traducen en imaxes e son, conta a historia das feridas sen curar dos últimos corenta anos no Líbano entre as diversas nacionalidades e relixións (ata dezaoito diferentes!) e as secuelas deixadas pola incruenta guerra incivil que tivo esa xoia de prosperidade que foi a “Suíza de Oriente” e que deixou unhas cicatrices que seguen a latexar de dor. De feito, o cineasta, tivo que soportar acusacións de sionista pola parte dos sectores máis radicais do seu país, e todo por tentar amosar ós diferentes puntos de vista que vai no seu fogar.
A escusa é a ofensa recibida a Toni, cristián seareiro do líder da ultradereita, por parte de Yasser palestino islamista; e a teimudez dos dous por non querer solucionar de forma sinxela un atranco que vai moito máis cunha simple cuestión de honra. Iso irémolo descubrindo conforme vaia medrando o filme, aumentando coma unha bola de neve conforme van interactuando máis personaxes na trama.
O multiverso de Beirut, onde cada arrabalde ten o seu singular sentimento de identidade e coa diferenza excluínte socio-cultural e económica, é o trasunto real que aborda Doueiri. Toni leva o veleno da intolerancia enraizado no seu corazón, intoxicado polas soflamas nacionalistas, as arengas de odio ó diferente e Yasser, ante o delito de odio que escoita de boca do cristián, agrédeo fisicamente.
Todo complícase coa entrada no mundo dos tribunais de Xustiza, a súa amplificación nos medios de comunicación e o uso partidista que fan os corruptos políticos de turno para sacar tallada de toda esta leria. Ninguén quere escoitar ó outro. Todos queren que os seus berros cheguen ó máis alto. Os guionistas habilmente amosan un Estado podrecido ata os seus cimentos, que corrompe tódolos sistemas de produción do País do Cedro. Veciños e inimigos. Pais e fillos contracorrente, uns con discursos que os ven patrióticos, pero que outros traducen coma vingativos.
A causa Palestina, ten a súa propia “diáspora”. Ninguén, no fondo, os queren coma refuxiados. Como dí Yasser a súa muller, “somos os negros dos árabes”; e non vai desencamiñado, pero neste conflito que dura xa tantas décadas, ninguén é del todo inocente. Nin xordanos (a masacre do 71 naquel septembro negro), nin libaneses, nin israelitas, nin palestinos. Culpables?. Todos!. Dende ó Arafat cos seus zapatos de 300 dólares ata o último ultrasionista. E por querer contar unha historia así, Doueiri tivo que pagar un alto peaxe a nivel persoal. A intolerancia de tódalas partes leva a imposibilitar unha cura das fendas que dende vai catro décadas corroe a sociedade libanesa. Ninguén ten o monopolio do sofremento. ¡Qué perigo para algúns lembrar as loitas fraticidas!. A guerra finou no 1990 pero non houbo unha reconciliación nacional.
O filme que propón Doueiri é unha ben intencionada obra sobre o perdón, o non esquecemento da Memoria Histórica. Produción que tenta amosar ó punto de visión “do outro” dunha maneira o máis aséptica posible. De querer construír pontes de entendemento e de aí o resultado final, que o vemos necesariamente coherente e balsámicamente optimista, aínda cunha excesiva teatralización herdada da rodaxe do xuízo.
Co-produción a varias bandas e países, cunhas calidades notables nos seus apartados técnicos (repiten a maioría de profesionais das súas anteriores películas), cun ritmo firme de nota pedal e unha escollida banda sonora, coa música de aberta á esperanza, de Eric Neveux, que encaixa na fotoxénica luz de Tommaso Fiorilli como anel ó dedo, coma se quixéramos ver sempre o carón brillante da vida.
En resumo, un filme tan necesario coma refrescante a hora de abordar ós conflitos tan lonxes e tan cercanos que van neses mundos do único Deus posible. O do amor ó próximo que diría o grande Bertrand Russell. O Humanismo altruísta, a xenerosidade, a ética, os valores morais… que elevan ó máximo exponente todo aquelo do que o ser humano é capaz de conseguir e que mellóranos coma especie.
E non só “naqueles” países.
Pero por desgraza, vivimos na época da banalidade. Do ensalzamento á ignorancia. Do aprauso ó vendedor de crecepelos… O día que chegue unha civilización alieníxena superior o planeta, sospeito que fuxiran a fume de carozo, sen botar a ollada tras eles.
E non os recriminaría.
Refuxiémonos no Cinema coma unha das derradeiras táboas de salvación. Por alí verémonos.