Lousame, 7 de abril do 2017 – Debido ás deficiencias cada vez máis acusadas no servizo de recollida de lixo nos concellos que forman parte da Mancomunidade Serra do Barbanza, onte tivo lugar unha reunión en Lousame á que foron convocadas as nove alcaldías afectadas xunto coas súas secretarías e intervencións.
A presidencia da Mancomunidade convocou esta reunión para dar resposta ao acordado na reunión de alcaldías celebrada o pasado martes, 4 de abril, en Muros e co obxectivo de estudar e avaliar as posibles medidas a adoptar de cara a garantir unha correcta recollida do lixo. A urxencia da convocatoria debeuse á inminente chegada de Semana Santa e á proximidade do verán, épocas nas que en moitos dos nove concellos a poboación se incrementa notablemente e as consecuencias dun deficiente servizo se agravarían.
Na reunión quedou claro, unha vez máis, que a prioridade é garantir un correcto servizo, para o que se acordou que a Mancomunidade adoptará todas as medidas posibles, por extraordinarias que teñan que chegar a ser, para garantir a correcta prestación deste servizo básico, algo no que xa se está traballando dende ese mesmo momento dende a presidencia da Mancomunidade coa colaboración de todos os concellos afectados.
Non obstante o anterior, tamén se lle ordenou á empresa que presta o servizo, FCC, que regularice de inmediato o servizo de recollida e se lle advertiu das posibles accións que levará a cabo a Mancomunidade en caso de incumprimento desta nova orde.