Imaxe de Google Maps
Compostela, 16/03/25026 – A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de 2950 vivendas en Compostela.
Estarán situadas na área residencial de Mallou. O obxectivo da actuación, promovida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), é urbanizar este ámbito e destinalo maioritariamente a vivendas protexidas.
O informe ambiental estratéxico (IAE), emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, conclúe que non se prevé que o proxecto teña efectos ambientais adversos significativos.
O documento pasou polo procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados.
Tanto o borrador de PIA como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados na web da Consellería 30 días hábiles para que a veciñanza puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións oportunas.
Unha vez emitida a resolución, o informe ambiental remitirase ao promotor das vivendas e ao órgano substantivo e, posteriormente, farase público o seu contido mediante anuncio publicado no OG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O ámbito de actuación do PIA para o desenvolvemento residencial na zona de Mallou, ao nordés da cidade de Santiago de Compostela, abrangue unha superficie total de 522.737 metros cadrados.
As previsións contidas no borrador prevén a execución dunhas 2.950 vivendas con reservas para dotación de equipamento comunitario, espazos libres e zonas verdes. A rede viaria proposta vén definida no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).
O eixe norte-sur (Boisaca-Cancelas-Fontiñas) permitirá conectar a avenida de Asturias coa de Xoán Paulo II a través dunha glorieta e un viaduto, mentres que o eixe leste-oeste conectará a zona de Mallou co núcleo de Porto do Medio.
Tamén se prevé unha rede secundaria interior, na que se contemplan unas 800 prazas de aparcadoiro público nas marxes destes viarios.
