Lalín, 26 de abril do 2022 – “A Malla Tradicional de Doade (Lalín) que organiza cada ano A Casa do Patrón ven de ser declarada Festa de Interese turístico de Galicia.

A malla tradicional organízase desde hai 22 anos sendo un dos eventos etnográficos máis destacados da bisbarra. A aldea de Codeseda acolle cada penultimo sábado de agosto esta actividade que reúne no Museo Casa do Patrón a centos de persoas.
A declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia faise en base á singularidade e calidade das recreacións, número de asistentes e visitantes, valor cultural do evento, arraigo entre a poboación local, infraestruturas e equipamento utilizados, innovación, coidado da contorna urbanística e paisaxística na que se executa e grao de difusión do evento.

Trátase da recreación histórica do maior traballo comunitario do interior de Galicia durante séculos, que representa a culminación do proceso do pan, reproducido na súa totalidade polo Museo cada ano, que abrangue dende a sementeira do centeo no mes de abril, a sega e o atado dos mollos no mes de xullo, a propia malla en agosto, coa posterior moenda do gran en muíño de regueiro e finalmente o cocido artesanal do pan en forno de leña.

É a gran Malla da Galicia Central, unha completa xornada etnográfica, gastronómica e festiva do máximo nivel, celebrada nunha paraxe natural dun enorme valor paisaxístico e medioambiental, posta en escena por unhas 70 persoas da aldea de Codeseda, a parroquia de Doade, e veciños doutras parroquias de Lalín, cunha masiva afluencia de público, que comeza co carrexo dos mollos e a feitura da meda, unha mostra de artesanía galega, unha exposición completa de malladoiras, motores e aventadoras, e outra exposición de pinturas relacionadas co proceso do pan.
O acto central, consiste na recreación, o máis fidedigna posible, da totalidade das modalidades históricas da Malla nesta Comarca, por orde cronolóxico: Malla á pedra, que xa facían nos nosos castros antes de Cristo, Malla con Males, con Malladoira Manual, con Máquina, Motor e Aventadoras, e finalmente, Malla co Tractor. Todo isto é debidamente explicado e comentado para o gran público por especialistas en cada materia.
Tras facer entrega do premio anual á muller e ao home mellor vestidos de época, celébrase unha comida de confraternidade con numerosa asistencia participantes e visitantes presenciais, baixo carpa ao aire libre, cunhas espectaculares vistas do Val do Asneiro, e pola tarde organizase o Serán da Malla, no que participan varios grupos folclóricos da Comarca de Deza.
Dende a Casa do Patrón, como Entidade promotora do evento, “queremos manifestar a nosa máis profunda gratitude cara á leal e desinteresada colaboración de tanta xente, dende o primeiro momento de xeito ininterrompido ao longo de tantos anos, para que esta singular Malla non deixara de executarse, incluso nos peores momentos da pandemia, como foron a totalidade dos veciños de Codeseda, Doade e e algúns das parroquias limítrofes, as Asociacións de Cercio e Zobra, aos que se foi unindo logo outra xente, entre a que merecen especial mención Maximino Míguez, coa súa total implicación, a Asociación veciñal de Vilatuxe, os promotores doutras mallas como Silleda, Queiróas da Igrexa (Allariz), Puxedo (Lobios) e Ansemil (Ordes), diversos propietarios privados de máquinas e motores de Lalín, Silleda, Lugo, Baleira, O Pino, Sigüeiro e Viveiro, medios de comunicación locais, provinciais e autonómicos, Organismos Oficiais (Xunta, Deputación e Concello de Lalín)… e tantas outras persoas benqueridas, moitas das cales xa non poden acompañarnos hoxe na celebración deste inmenso éxito compartido”.