Boqueixon, 9 de marzo do 2019 – Máis de 130 persoas traballan estes días na celebración da XXXVI Festa da Filloa de Lestedo, declarada de Interese Turístico de Galicia.
O Concello de Boqueixón, a Asociación da Filloa e veciñanza da parroquia de Lestedo son os responsables da organización da cita, que terá lugar mañá domingo 10 de marzo. Agardan acoller, durante a xornada, arredor de 20.000 visitantes. A celebración combinará a proposta gastronómica coa tradición do Entroido dos xenerais da Ulla, tamén declarado de Interese Turístico de Galicia.
A media mañá, no campo da festa poderanse xa degustar as Filloas de Lestedo, soas ou tamén con acompañamentos como chourizos, panceta, rixóns e, para quen opte polo doce, con mel, nata ou crema. A máquina filloeira traballará ao máximo para ofrecer ata 1.600 filloas por hora para cubrir a amplia demanda que deste produto hai ao longo da xornada festiva.
Tamén sobre as 12.00 horas, a XXXVI Festa da Filloa de Lestedo celebrará a tradicional Parranda de Entroido no Campo da Feira. Media hora despois prevese, e se as condicións meteorolóxicas o permiten, o IV Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que participarán varias ducias de xenerais, correos e soldados ataviados con traxes da época procedentes de distintos municipios da bisbarra compostelá. O seu percorrido comezará no Hotel Vía da Prata e rematará no recinto da festa.
Xa ás 13.30 horas, terá lugar o pregón da Festa da Filloa de Lestedo, que correrá a cargo do xornalista de Onda Cero Santiago, Ramón Castro. O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidirá este acto, que presentará, como en anteriores ocasións, a actriz María Mera.
A continuación, realizarase a imposición dos Mandís de Honra tanto ao pregoeiro como a outros persoeiros que contribúen á difusión e posta en valor da Festa e imporase a condecoración especial a un ou a unha xeneral ou xenerala da parroquia de Lestedo. Aproveitando este intre, amosarase o novo traxe de xenerala da Ulla, creado pola deseñadora Carmen Pichel.
Ás 17.30 horas será a quenda dos Xenerais da Ulla, que protagonizarán o seu tradicional atranque no campo da festa. Está confirmada a presenza de oito xenerais, que demostrarán o bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que nunca deixan de lado a política, o deporte e calquera tema da actualidade xeral e local.
Actuacións musicais
A música estará presente durante toda a xornada festiva da man dos grupos e charangas Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobío. O broche de ouro porano as orquestras Finisterre e París de Noia, que comezarán os seus pases musicais a partires das 18.30 horas e que durarán ata medianoite.