Cando se fala de emprendedores alguén debería por de exemplo a vida de Maximino Viaño. Naceu e viviu sempre en Ames, primeiro en Lamas e despois en Tapia onde segue residindo os seus 88 anos. Lembra a súa aldea como un lugar de costas a Compostela, con veciños que acudían a capital a vender produtos ou facer xestións pero que volvían rapidamente a súa casa.
Estudou na unitaria de Cerdeiras e lembra con cariño o seu profesor que, incluso nas vacacións de verán durante a guerra, camiñaba 3 kilómetros para darlles dúas horas de clase. O mestre sabía da valía de Maximino que co tempo comezou a estudar graduado social por libre, cando podía acudía a Santiago, ia as clases montado nunha bicicleta e cando volvía mordía cos dentes unha lanterna de petaca para alumear o camiño.
Cando casou comezou a montar en Tapia a súa propia granxa e no ano 66 coa colaboración doutros 5 gandeiros monta a primeira cooperativa, algo inusual por aquel entón e que fixo que se convertera nun referente. As boas relacións que en este período colleitou Maximino en Madrid fixo que se apoiaran máis proxectos e so na zona de Negreira e Ames naceron máis de 200 cooperativas. Maximino é moi crítico coa política porque viu como en canto comezaron a funcionar o ministerio enviou unha orden para que se parara o crecemento, en España existían 240.000 explotacións e tiñan medo de que pecharan e deixaran a xente na rúa.
A experiencia acumulada serviulle para impulsar, coa axuda doutras persoas, dous proxectos moi importantes para Galicia, Feiraco e Ternera Gallega. Maximino lembra con nostalxia como no casino de Negreira reuníanse máis de cen persoas e falaban de facer algo que non estivera dirixido desde Madrid, iso foi o nacemento de Feiraco. Segue vinculado o sector xa que a súa granxa segue funcionando e pensa que de esta crise sairase porque xa viu moitas antes e “Galicia sae de todo” pero sabe que no camiño quedarán explotacións, as mais febles.
Con 65 anos comezou a cebar becerros na casa dos seus pais, foi entón cando comezou a pensar que o xeito de distinguirse era valorizar a carne, facela mellor que a que viña de fora, e así naceu Ternera Gallega que segue a ser un dos estandartes de Galicia en todo o mundo.
Maximino non para, segue a escribir, acude a tertulias e entrevistas coma esta, pero sobre todo escoita a quen o chama e fálalle a quen o quere escoitar. Deberiamos escoitar mais aos que impulsaron os proxectos que funcionan e menos os que venden fume, non será porque non poidamos porque Maximino segue estando o servizo de Galicia aínda que poucos o lembren.
Santiago 19 agosto 2015