Manuel Ángel Leis, alcalde de Negreira: “ É imposible dar cabida ao número de horas (no SAF) que a Xunta nos asigna [ ] unha persoa de grado 3 son practicamente 94 horas de servizos, e case unha traballadora en exclusiva para esa persoa [ ] non temos persoal nin hai persoal coa titulación precisa”

Manuel Ángel Leis goberna en Negreira en minoría pero mantendo un equilibrio bastante estable en esta primeira parte do mandato. Tras un acordo de investidura e apoios puntuais co BNG, non sofre as complexidades de acordos do seu veciño do sur, Brión; nin chegou a asinar un reparto de concellarías como fixo polo norte o concello da Baña.
A valoración política de estes dous anos de mandato é, polo tanto, positiva no local pero preguntamos ademais polo partido e a situación na que quedou tras as eleccións autonómicas e como se ve esa situación desde o local. Leis prefire afastarse do partido e centrarse nos seus veciños, aínda así recoñece que tirar partido da Xunta é moi complicado e alaba o traballo desde a Deputación.
É un debate sobre o que cada alcalde conta a súa versión. É un feito obxectivo que os criterios de concesión de axudas da Deputación, o denominado Plan Único, é máis transparente que as múltiples subvencións que se dan desde a Xunta e que fan que cada concello teña que ir navegando polas Consellerías, o DOGA e a burocracia para atopar aportacións que se axusten ás súas necesidades.
Un tema recorrente, no capítulo de reclamación á Xunta de Galicia, é o do Servizo de Axuda a Domicilio, o SAF. Sexa o color político que sexa tódolos concellos son conscientes de que precisan máis financiamento. É unha competencia da Xunta , transferida aos concellos nun acordo ambiguo que permite que o goberno autónomo decida canto financia cada ano. O que falte o poñen os concellos con axudas do goberno central e da Deputación e desde hai tempo vese que, sobre todo no rural é insuficiente tal e como explica Manuel Ángel Leis, non só en Negreira se non en toda a comarca.



Os partidos preséntase ás eleccións cun programa de accións, preguntamos por como vai a consecución de ese programa en estes dous anos e se o goberno socialista conseguiu o conseguirá uns bos resultados de execución cando remate o mandato. Pese a que os resultados son bos Manuel Ángel Leis segue pelexando por avanzar na consecución dun novo Plan Xeral de Ordenación Urbana, nun novo PXOM.
Non queremos deixan Negreira sen falar das súas actividades culturais. Ao longo de todo o verán o concello ten múltiples momentos destacables. As festas inclúen a procesión do San Cristobo na que se xuntan ducias de camioneiros, pero está a Noite Folc, o Nicrarock, charlas, exposicións, e a primeiros de setembro a feira do románico. Negreira é unha vila viva que desfruta do verán de moitos xeitos.

Manuel Ángel Leis sabe o que é xestionar unha alcaldía desde que Jorge Tuñas dimitira por unha acusación que rematou sendo falsa e trala que volveu ao posto de rexedor. Foi o primeiro contacto de Manuel Ángel Leis polo que coñece ben a inestabilidade que teñen estes cargos no contexto actual.
Ten a paciencia e a calma precisa que se lle esixe a un representante público. En privado sofre o desgaste dun pobo no que todo é cuestionado e dunha sociedade, a da Barcala, que nunca acaba de estar contenta. Negreira, A Baña ou Santa Comba son exemplos do cambiantes que poden ser as opinións políticas da veciñanza.
Manuel Ángel Leis ten claro que quere facer mentres vai resolvendo o que aparece a maiores. Quedan dous anos nos que volveremos a falar de Negreira e veremos canto da avanzado nos seus plans ou, dito de outro xeito, canto lle deixan avanzar.
