Goretti Sanmartin, alcaldesa de Santiago de Compostela: “hai sempre unha oposición a esa función social da propiedade, a que a propiedade non pode estar en ruínas e deixarse baleira anos e anos [ ] a administración municipal non pode cruzarse de brazos e dicir a ver que pasa e ao final o que pasa son anos e décadas”

Goretti Sanmartín é a primeira muller alcaldesa de Santiago. É certo que Encarna Otero ou Marcedes Rosón o foron en funcións en distintos mandatos máis Sanmartín chega ao despacho por un acordo de goberno entre BNG e Compostela Aberta co apoio de investidura do PSdeG, e dicir en virtude dos votos recibidos.
Como era de esperar, repasando a hemeroteca de anteriores gobernos, o mandato mantén sempre un ruído de fondo que chega desde a bancada da oposición. Un dato obxectivo: mentres Goretti Sanmartín acababa de tomar posesión nunha das salas do Pazo de Raxoi na do lado o líder do PP, Borja Verea, convocaba aos medios para unhas declaracións.
Comezamos preguntando por esa sensación de constante enfrontamento ou, cando menos, debate sobre calquera cousa en estes dous anos de mandato. Un ambiente ao que contribuíu a rotura do grupo socialista. Un tempo que a xulgar pola resposta Goretti Sanmartín prefire lembrar como uns meses de traballo mais que de liorta.
A pesar dos bos recordos é unha realidade que as veces acaba todo embarrado. Sanmartín recoñece a “dura” oposición do Partido Popular e lembra que chegou a cuestionar a lexitimidade do goberno municipal. Unha vez máis o combate poñendo sobre a mesa o traballo realizado pero aclara que ao final ese ruído, esa actitude, a quen prexudica é á veciñanza.

Compostela leva anos intentando poñer orde e racionalizar o urbanismo da cidade, Cuestións como Peleteiro, o entorno do Hospital Clínico, a declaración de zona tensionada, ou as vivendas na parcela de Xoán XXIII; obrigan a acordos entre forzas políticas e en moitos casos coa Xunta de Galicia ou o Goberno Central. Dous non discuten se un non quere pero en Santiago, en certos momentos da súa historia recente, sempre hai alguén disposto a levar a contraria.
Cun problema como o da vivenda, que non é novo aínda que agora todo o mundo fale del, o goberno de BNG e Compostela Aberta usou ferramentas que sorprende descubrir que levaban anos aí. Sacar a puxa vivendas no casco vello, inscritas no rexistro de soares en ruínas, para que se rehabiliten é algo que nunca se fixo en Galicia e que a lei contempla desde hai moito tempo. O mesmo sucede co alleamento de parcelas para vivenda protexida cunhas condicións moi estritas que non permitirán sobre prezos o especulación. A cuestión é se non se fixo antes porque o contexto non era o adecuado ou porque os distintos gobernos non se atreveron?
Estas semanas falase moito das facturas pendentes de pago ás empresas de transporte urbano. Un dato obxectivo é que a contratación feita foi a máis rápida que se podía, un concurso como pedía o PP ou agardar ao novo contrato deixaría a Compostela sen 21 autobuses durante meses, algo que se obvia tódolos días. Outro dato obxectivo é que o traballo se fixo. Por que custa tanto conseguir apoios para pagar as facturas en cuestión? Sobre todo cando esta fórmula xa se usou en anteriores lexislaturas.
Quedan cousas polo medio como a taxa turística, contratos como o do SAF ou do lixo, e todo o poderedes escoitar a partir de setembro cando comecemos a subir as entrevistas completas a un novo espazo no que ademais poderedes colaborar con nos.
Non queríamos rematar sen falar das festas e, máis alá das actuacións, hai unha cousa que xa é parte indispensable do Apóstolo: que o pregoeiro sexa alguén de Compostela. Un xeito de facer cidade ao igual que sucede coa Alba de Compostela, nada entre ruído e xa asentada por dereito propio entre os actos da cidade en xullo.
Goretti Sanmartín leva moitos anos en política. Un percibe que non ten que ser doado atopala enfadada pero que, ao mesmo tempo, e capaz de baixar a intensidade moi rápido para o ambiente de traballo sexa o adecuado.
A súa capacidade de mesturar traballo, relacións públicas e lecer non é doado de atopar. Podemos vela falando cuns veciños, de temas serios ou por pasar un rato, do mesmo xeito que a vemos nunha faceta institucional ou paseando polas Brañas do Sar nos seus ratos libres. Probablemente sexa a alcaldesa que máis se parece a un veciñ@ calquera aínda que esta é, obviamente, unha opinión subxectiva.
Quedan dous anos moi duros pero da a sensación que todo o que custou por en marcha en esta primeira parte do mandato vai acabar saíndo. Veremos en ese momento seo ruído estaba xustificando ou era todo fume e leña verde.
