Bisbarra, 26 de abril do 2023 – A loita contra a autorización de vertidos da mina de San Finxa cara a ría de Muros Noia chegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao tempo que se convoca unha manifestación en Compostela para este sábado.
A Plataforma comarcal, encabezada polas confrarías, presentou esta semana a primeira das demandas pola autorización, dada pola Xunta de Galicia, de baleirar as augas residuais de San Finx.
Con esta acción xudicial tentan paralizar, mediante unha solicitude de medidas cautelares, a negativa da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de suspender a autorización de vertidos concedida o pasado mes de xaneiro. Esta medida é clave xa que a comezos de maio vence o prazo de tres meses cos que a Xunta contaba para resolver os numerosos recursos de alzada presentados, anticipándose ademais un aluvión de novas demandas por parte de confrarías, concellos e organizacións ecoloxistas.
Saír a rúa
Ao mesmo tempo que o camiño xudicial se ensancha e complica, os colectivos intensificarán as accións na rúa. Logo da multitudinaria manifestación que paralizou Noia o pasado 3 de marzo, a plataforma comarcal chama a unha nova concentración este mesmo sábado, ás 12:00 horas, diante da sede da Xunta en San Caetano.
Para facilitar a participación dos diferentes colectivos e das familias, a plataforma pon a disposición dos interesados un servizo de autobuses. Haberá diferentes rutas que partirán o sábado desde a estación de autobuses de Noia ás 10:30, e desde Muros e Queiruga ás 10:00. Incluíndo paradas nas principais localidades do percorrido.
Decisión temeraria
Os colectivos que loitan contra os vertidos de San Finx apuntan directamente aos responsables dunha decisión cualificada de “temeraria”. Destacan o feito de que un Xulgado de Santiago xa iniciou hai unhas semanas as dilixencias penais por presuntos delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental por parte dos funcionarios e altos cargos implicados.
Dende a Confradía de Noia tamén se fai un chamamento a sumarse á Plataforma a través da web: https://www.cofradianoia.es/es/ .