займ срочно

Lousame conta cun remanente total de Tesourería de máis de 102.000 euros do 2016

0

Lousame, 22 de maio do 2017 – O Concello de Lousame logrou un remanente total de Tesourería para gastos xerais de 102.608,2 euros e un aforro neto de 168.163,38 euros. Son datos ofrecidos na sesión plenaria pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante a dación de conta do expediente de liquidación do Orzamento do 2016.

Villaverde salientou que o resultado orzamentario de Lousame era positivo, 136.808,76 euros, e que o Concello cumpre co principio de estabilidade orzamentaria (cun resultado positivo de 18.908 euros). Porén, lamentou que o Concello incumpra a regra de gasto en 130.000 euros debido á inclusión das obras do Plan de Aforro ao Investimento (PAI) da Deputación Provincial.

“De non ser polo PAI da Deputación, cumpriríamos a regra de gasto”, explicou Villaverde Pais, quen lamentou que “os concellos rurais e con poucos habitantes vémonos prexudicados con este tipo de préstamo porque se queremos cumprir coa regra de gasto nos vemos obrigados a renunciar a eses 137.000 euros. Non é algo desta lexislatura, é algo que vén de antes e que espero que algún día se cambie para non prexudicar aos pequenos municipios”. Así mesmo, a alcaldesa lousamiá deu conta do período medio de pago do primeiro trimestre de 2017: 24,6 días, por debaixo dos 30 días que marca a lexislación.

Unanimidade

Todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade (PP, PSOE e BNG –xa que Terras de Lousame se incorporou na quenda de mocións e rogos/preguntas) e serviron para destinar os 102.608,2 euros de remanente de Tesourería a dúas modificacións de crédito para o pago de facturas a provedores. Así, aprobouse a modificación de crédito 6/2017 e o recoñecemento extraxudicial de crédito 5/2017, por un importe de 83.679 euros. para o pago de facturas de Unión Fenosa e da Mancomunidade Serra do Barbanza.

Tamén se aprobou a modificación de crédito 7/2017 e o recoñecemento extraxudicial de crédito 6/2017 por un importe de 18.908,53 euros condicionado á aprobación da Lei de Orzamentos do Estados. Finalmente, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito de 6.159,52 euros para o pago de facturas de 2016 que se presentaron no Concello no 2017.

IBI

Durante a sesión plenaria, Teresa Villaverde anunciou que “o Concello de Lousame vai elaborar unha nova ordenanza do IBI, que está en vigor dende o 2003. Tendo en conta que coa regularización catastral que se está a facer o valor dos inmobles medrou e que se vai ingresar máis, proporemos unha bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles naquelas edificacións onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Tamén reduciremos o tipo de gravame para rústica, que representa o 80% do noso territorio, e urbana”.

A nova ordenanza do IBI en Lousame reducirá o tipo de gravame para os inmobles de natureza rústica, que pasará do 0,65% ao 0,45%, e para os de natureza urbana, que pasarán do 0,55% ao 0,50%. Así mesmo, o Pleno aprobará unha bonificación do 95% do IBI para os inmobles nos que se desenvolven actividades agrarias e gandeiras, “pois consideramos que é un sector estratéxico para o nosos territorio e porque Lousame é un concello plenamente rural”, indicou a alcaldesa.

Villaverde indicou que o primeiro paso a dar será a publicación da nova ordenanza na páxina web e abrir un prazo para a presentación de achegas. Despois a ordenanza será debatida en Pleno e publicada no BOP para a súa exposición pública por un período de 30 días antes da súa aprobación definitiva. Deste xeito tanto a bonificación como a rebaixa de tipos aplicarase en Lousame dende xaneiro de 2018.

Mocións

O PSOE de Lousame viu aprobada por unanimidade a súa moción, na que solicitaba a máxima exención posible para as construcións onde se desenvolveran actividades agrarias e gandeiras e pediu que se informe á veciñanza tanto sobre a regularización catastral como sobre as bonificacións do IBI. Teresa Villaverde explicou que case catrocentos veciños e veciñas fixeron uso do servizo de asesoramento gratuíto sobre o proceso de regularización catastral posto en marcha polo Concello de Lousame entre o 2 e 18 de maio. Ademais, indicou que se informará en detalle sobre a bonificación, xa que é o veciño/a quen terá que solicitala porque a Lei non lle permite ao Concello outorgarlla directamente de oficio.

A moción presentada polo Partido da Terra para declarar espazo de interese natural a zona de Fontecavada non superou o trámite de urxencia, polo que non foi debatida.

Share.

Comments are closed.