Lousame, 16 de marzo do 2017 – O Concello de Lousame informa a todos os veciños e veciñas de que se abre o período para solicitar a reserva de praza no Punto de Atención á Infancia (PAI) de Lousame para o curso 2017/2018, que estará aberto ata o vindeiro 15 de abril.
As persoas interesadas poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais de Lousame para pedir máis información e recoller a documentación necesaria para a presentación das solicitudes. Uns impresos que tamén poden ser descargados dende a páxina web municipal (www.concellodelousame.com).
Os solicitantes deberán encher o impreso de solicitude e presentar a seguinte documentación: copia cotexada do libro de familia (páxinas escritas) e do DNI de ambos proxenitores (ou do titor/a legal), certificado de convivencia e certificacións de imputación das rendas correspondentes ao exercicio 2015, expedida pola Axencia Tributaria, de todos os membros computables da unidade familiar que obteñan ingresos de calquera natureza. Neste último caso, os solicitantes tamén poden autorizar para solicitar as devanditas certificacións dende o Concello, cumprimentando o “Anexo I: autorización para a solicitude de datos tributarios”. No caso de que o número de solicitudes presentadas supere a oferta de prazas, o Concello de Lousame terá especialmente en conta as rendas familiares para a súa adxudicación.
Así mesmo, o solicitante tamén deberá achegar a seguinte documentación complementaria no caso de que fose pertinente no seu caso: copia cotexada da nómina ou do recibo de autónomos/as de febreiro, certificación da situación de desemprego expedida polo Servizo Público de Emprego, copias cotexadas do título de familia numerosa, do certificado de pensións, invalidez, orfandade, estranxeiro e/ou outras e do certificado do grao de discapacidade; así como o informe dos Servizos Sociais municipais sobre a inclusión da familia do neno/a en Programas de Intervención familiar; ou calquera outra documentación que dea constancia da especial situación familiar ou económica da unidade familiar.
O Punto de Atención á Infancia de Lousame é un centro municipal que oferta servizo de gardería a nenos e nenas de 0 a 3 anos co obxectivo de facilitarlles a conciliación da vida familiar e laboral ás familias de Lousame. Aló, os cativos reciben unha atención integral que inclúe a realización de actividades lúdico-educativas, o adestramento en hábitos e rutinas que facilitan a súa adaptación á escola e a relación con outros menores da súa idade.