Bisbarra, 30 de setembro do 2024 – A corporación municipal de Lousame aprobou por unanimidade esixirlle á Consellería de Educación a dotación dun/dunha especialista de Audición e Linguaxe para o CPI Cernadas de Castro.
A petición é froito dunha moción conxunta dos tres grupos políticos (PP, PSOE e BNG) en apoio ás reivindicacións da ANPA. Un acordo ao que os tres grupos de Lousame chegaron durante a sesión plenaria ordinaria de setembro e despois de que indicaran a súa intención de presentar cadansúa moción sobre a cuestión.
Tras un receso para o seu debate, os tres partidos acordaron deixar a un lado cadansúa moción e asumir como propias as peticións realizadas dende a ANPA Alecrín-Cernadas de Castro, cuxa secretaria deu lectura aos catro puntos de acordo:
- Que a corporación municipal de Lousame se manifeste publicamente en favor das reivindicacións da ANPA Alecrín-Cernadas de Castro esixindo a reversión dos recortes no profesorado especial.
- Que o Concello de Lousame se dirixa aos órganos competentes para solicitar un reforzo urxente no número de profesionais especialistas.
- Que o Concello de Lousame promova accións de sensibilización, xunto coa comunidade educativa e a veciñanza, sobre a importancia dunha educación inclusiva.
- Que se cree unha comisión de acompañamento para facer un seguimento e garantir que o alumnado con necesidades especiais recibe o apoio necesario.
Apoio da corporación
Un apoio da corporación municipal que xa se tiña amosado media hora antes da sesión plenaria, cando todos os concelleiros e concelleiras dos tres grupos municipais tomaron parte dunha concentración convocada pola ANPA baixo a lenda “Ensinanza de calidade, xa!”.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou as persoas presentes as xestións realizadas dende o Concello e comprometeuse a solicitar unha reunión na Inspección de Educación á que tamén asistirán representantes da asociación de pais.
Unhas explicacións que deu en primeiro lugar diante de todas as persoas concentradas na tarde de onte na praza Teodomiro Hidalgo e tamén ao rematar a sesión plenaria, a un grupo máis reducido de representantes da ANPA e pais/nais de alumnos do CPI Cernadas de Castro.
Os pais e nais lembraron que o CPI Cernadas de Castro non conta para o curso 2024-2025 cun especialista en audición e linguaxe, cuestión que afecta a 40 alumnos que no disporán deste reforzo educativo.
Unha situación que está precedida pola decisión de prescindir dun doas coidadores do centro no curso 2023-2024, quedando un único coidador para 3 alumnos/as con necesidades especiais que precisan supervisión e coidados ao longo de toda a xornada escolar.
Resto da sesión
O resto desta longa sesión plenaria, que case se prolonga ata as 00:00 horas, caracterizouse en gran parte pola unanimidade. Así, foi aprobado o proxecto e un novo límite de gasto para as obras de mellora do espazo público viario de Camboño, que suporá un investimento de preto de 385.000 euros e está enmarcado dentro do Plan Hurbe impulsado pola Xunta de Galicia.
Uns traballos que inclúen a substitución do pavimento actual, coa mellora dos acabados e do seu aspecto, e a renovación da canalización para a recollida da augas pluviais, coa instalación de tubaxe para o futuro servizo de auga potable. A maiores, instalarase alumeado público e aproveitarase para soterrar as redes de baixa tensión e telecomunicacións existentes na actualidade.
Tamén se aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza reguladora do prezo do Centro de Día, para adaptalo á nova normativa xa que estaba baseada nunha norma de 2015. Finalmente, tamén se aprobou, desta vez coas abstencións de PSOE e BNG, un cambio no límite de gasto para a construción dos novos vestiarios do campo de fútbol da Silva. Unha obra que suporá un investimento de máis de 262.000 euros.
Finalmente, na quenda de mocións aprobouse unha do Partido Popular en defensa dun sistema de financiación xusto e solidario entre as Comunidades e Cidades Autónomas na que fixo un chamamento en defensa dun sistema de financiación máis xusto e solidario. A moción foi aprobada cos votos a favor do PP e os votos en contra de PSOE e BNG.
Así mesmo, tamén saíu adiante, desta vez por unanimidade, unha moción presentada polo BNG en nome da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, no que reclamaba a fin da masacre do pobo palestino por parte do Estado de Israel. A moción saíu adiante co apoio do PP despois da admisión dunha enmenda presentada pola alcaldesa de Lousame para condenar tamén as actuacións do grupo terrorista Hamas.