Bisbarra, 11 de outubro do 2024 – O PSdeGA ven de conseguir aprobar unha iniciativa parlamentaria para que a Consellería de Educación recupere o o coidador suprimido no CPI Cernadas de Castro de Lousame.
O apoio a esta demanda produciuse na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia e foi aprobada por unanimidade. A proposición non de lei presentada polo socialista Julio Abalde, reclama da Consellería de Educación que atenda ás necesidades das familias e reverta os recortes no centro.
No texto pideselle explicitamente á Consellería que recupere o profesorado especialista e coidadores que tiña nos cursos anteriores. Abalde explicou que no centro hai actualmente en distintos cursos un neno cunha enfermidade rara e outros dous con autismo e un alto grao de dependencia, que ata o curso pasado contaban con dous coidadores pero, a partir do comezo deste curso, tan só teñen un porque Educación decidiu suprimir a outra praza.
O deputado socialista lembra que malia que as rateos fixan un coidador por cada seis nenos, o caso deste centro é particular porque están en diferentes cursos de primaria e con distintos horarios que se solapan entre si. Ademais, explicou, o centro ten 30 rapaces e rapazas con dislexia, retrasos temporais da linguaxe, disfaxia e outras particularidades.
Abalde sinalou que “bastaba con que a Consellería fora sensible e non aplicara de forma cega a redución de efectivos que está a aplicar en todo o sistema educativo”, como están a denunciar as federacións de Anpas de toda Galicia.
Lembra tamén que a Consellería de Educación comezou o curso suprimindo ademais ao profesor especialista en Audición e Linguaxe, que logo das protestas das familias foi restaurado o pasado luns. Apuntou que “non é de recibo que as familias con nenos e nenas con necesidades especiais teñan que estar en continua loita curso tras curso para que a Consellería os atenda con retraso e a rastro”, desta vez pasado case un mes do inicio do curso.