Lousame, 5 de agosto do 2017 – A Corporación Municipal de Lousame celebrou onte un pleno extraordinario na que someteu a debate e aprobación os orzamentos da institución para este ano 2017.
As contas ascenden a 2.869.067 euros (12.700 € máis que o exercicio anterior) e presentan equilibrio total entre ingresos e gastos. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destaca o considerable esforzo investidor das contas e o incremento das partidas destinadas a atención social.
Os investimentos reais suman 715.057 euros. As intervencións previstas máis destacadas, polo seu importe, están recollidas nos proxectos do camiño en Seoane (123.000 €), do camiño de Crons á igrexa de Camboño (110.000 €), da pavimentación no vial principal en Carantoña (93.000 €) e o camiño da Gandarela ás minas de San Finx (66.000 €). Estes proxectos inclúen actuacións de reparación e acondicionamento noutros viais da rede de titularidade municipal.
Ademais, dentro dos investimentos o Concello mantén a súa aposta pola mellora dos equipamentos públicos. Neste sentido, os orzamentos recollen contías como os máis de 63.000 € para infraestruturas no parque público do colexio da Silva, máis de 17.000 € para a adquisición de mobiliario para os locais sociais, uns 26.000 euros para a mellora no Punto de Atención á Infancia (PAI) ou máis de 11.000 euros para equipamento escénico destinado ao auditorio da Casa da Cultura.
A alcaldesa explica que o capítulo de gastos en bens correntes e servizos reserva tamén recursos para acometer directamente desde a Administración municipal numerosas obras ao longo do ano. “Trátase sobre todo de reparacións en estradas e camiños, actuacións de saneamento e abastecemento de auga ou, como acabamos de facer recentemente, o acondicionamento da zona de esparcimento nas inmediacións da piscina municipal”, afirma Teresa Villaverde.
1,85 millóns acadados noutras administracións
Ademais dos investimentos previstos nos propios orzamentos municipais, Lousame recibe este ano máis de 1,85 millóns de euros en proxectos demandados polo goberno municipal e confirmados por outras Administracións. O máis relevante é a conexión entre Portobravo e o corredor Santiago-Noita, no que a Xunta ten comprometido un millón de euros. Destaca tamén a ampliación do vial e a construción de beirarrúas en Aldea Grande, iniciativa para a que se acadaron 300.000 euros da Deputación da Coruña.
Outros proxectos solicitados desde o Concello e confirmados pola Xunta son os case 200.000 euros para actuacións de saneamento en Seixido e A Filgueira, os 60.000 euros no Plan de Infraestruturas Rurais en Lesende e Fonte Fría, 50.000 euros para acondicionar o patio do colexio, 50.000 euros para a mellora do centro de saúde, e uns 40.000 euros para a intervención ambiental no río Tállara, recentemente rematada. Resultan tamén significativos os máis de 56.000 euros que o Concello de Lousame acada no programa Aprol Rural, para a contratación de persoal e a mellora de espazos públicos.
Un 20% do orzamento, para gasto social
Por outra parte, a alcaldesa sinala o esforzo que poñen as contas na atención ás necesidades sociais da poboación do municipio. Neste sentido, cómpre indicar que o 20 % do total de recursos dos que disporá o Concello de Lousame neste exercicio destínase a gasto social. Esta taxa é un bo indicador “do compromiso do noso goberno coa igualdade de oportunidades e coa axuda ás persoas que maiores dificultades atravesan, co benestar e a calidade de vida como obxectivos irrenunciables”.