Lousame, 29 de setembro do 2017 – O Concello de Lousame organiza a próxima semana catro obradoiros de cultura urbana dirixidos á mocidade do municipio e que terán lugar dentro do proxecto “Mocidade creativa en Lousame”.
Esta iniciativa está subvencionada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e xira en torno a cultura urbana con obradoiros de graffiti, rap en galego e beatbox cos que “pretendemos fomentar actitudes creativas e innovadoras da mocidade de Lousame e sempre a través da dinamización da lingua galega”, explica a concelleira de Mocidade, María Regenjo.
Pola súa banda, a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, indica que “tres dos catro obradoiros estarán dirixidos a alumnos e alumnas de 1º a 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro, polo que terán lugar no propio centro educativo mentres que o obradoiro de beatbox estará aberto á participación de mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. Os catro serán de participación totalmente de balde”.
Finalmente, Pablo Castiñeira, coordinador de proxectos de Vella Escola, entidade que se encargará de impartir os catro obradoiros, salienta que “se trata de obradoiros creativos, onde os protagonistas van ser os participantes e eles serán os que nos achegarán as cousas que queren facer”.
Horarios
Estes obradoiros de cultural urbana terán lugar os días 3 e 4 de outubro. O CPI Cernadas de Castro acollerá o primeiro obradoiro de graffiti o martes 3 de outubro, de 12:30 a 14:30 horas, no que participarán 21 mozos e mozas de 3º da ESO. O segundo obradoiro terá lugar o mércores 4 de outubro, de 12:30 a 15:00 horas, e nel participarán vinte alumnos e alumnas de 4º da ESO. “O primeiro día faremos un obradoiro de aprendizaxe sobre paneis de madeira suxeitos por unha estrutura onde os mozos e mozas de Lousame aprenderán as técnicas necesarias para o uso do spray e o modelado de murais”, explica Pablo Castiñeira, quen engade que no segundo obradoiro “crearase un mural participativo sobre unha parede do CPI Cernadas de Castro, fomentando o traballo colectivo, a colaboración e o respecto mutuo entre a mocidade”. Este mural incluirá un lema a favor da lingua galega, que será escollido polos propios rapaces e rapazas.
O martes 3 de outubro, ás 15:15 horas, o CPI Cernadas de Castro acollerá outro obradoiro, nesta ocasión de rap en galego e dirixido a alumnado de 1º da ESO. “Con esta actividade preténdese que os mozos e mozas de Lousame aprendan a escribir e interpretar versos en lingua galega, traballando con ritmos urbanos pero achegándose tamén ás figuras literarias da nosa terra”, explica Silvia Agrafojo, concelleira de Ensino. No obradoiro a rapazada achegarase á historia xeral da cultura hip hop, manexará trabalinguas, revisará a lírica e os ritmos para o rapeo e elaborarán letras por grupos sobre temas escollidos en lingua galega.
Beatbox aberto á mocidade
Finalmente, o mércores 4 de outubro, ás 15:15 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá un obradoiro de beatbox, o único dos catro talleres que está aberto á toda a mocidade que desexe participar. A participación é totalmente de balde, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse previamente a través do mail: oix@concellodelousame.com.
Este obradoiro de beatbox será impartido por David Freigenedo Franco, membro de Vella Escola e con máis de 10 anos de experiencia no mundo do rap, baixo o nome artístico “Davbeatbox”. “Con esta actividade pretendemos que os mozos e mozas de Lousame aprendan a crear música, sexan ritmos ou melodías, só co seu propio corpo, principalmente coa boca e coa gorxa”, indica Pablo Castiñeira.
A concelleira de Mocidade, María Regenjo, salienta que con estes catro obradoiros “culminamos o proxecto Mocidade Creativa en Lousame, que tamén incluíu un obradoiro de fotografía, unhas xornadas de light painting que se están desenvolvendo estes días e un fotoroteiro por Lousame, entre as papeleiras e as fervezas de San Xusto”.